O rexedor vilagarcián participa na reunión de Fomento para avanzar no mantemento dos trens de proximidade entre Vilagarcía e Santiago
O alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, participou o pasado mércores en Madrid nunha reunión no Ministerio de Fomento na que se analizou a posibilidade de manter os trens de proximidade (“cercanías”) entre a nosa cidade e Santiago de Compostela, complementando así a posta en funcionamento da liña de alta velocidade. Na xuntanza estiveron tamén os rexedores de Catoira e Padrón e representantes de Pontecesures e Santiago, ademais do secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio, Manuel Niño. Enmárcase no estudio de viabilidade que o departamento que dirixe Ana Pastor para a implantación de servizos de proximidade en Galicia.
O encontro mantívose nun clima de cordialidade institucional na que todos os asistentes compartiron o obxectivo de avanzar nas actuacións actualmente en marcha no Eixe Atlántico para a súa posta en servizo o antes posible, así como no mantemento dos servizos ferroviarios actuais entre Vilagarcía e Santiago proporcionando a mellor solución ferroviaria á liña actual, tras a próxima posta en servizo do citado Eixe.
Durante a reunión destacouse que o obxectivo do estudo é a análise da viabilidade dos esquemas de servizos a implantar, nas condicións óptimas para a súa prestación, a través do estudo de custos e demanda esperada.
Deste xeito, espérase que previamente á posta en servizo do Eixe Atlántico se poidan presentar as conclusións deste estudo de viabilidade para a implantación de servizos ferroviarios de proximidade en Galicia. O alcalde vilagarcián confía, por tanto, que deste xeito a nosa cidade reforce o seu papel estratéxico nas comunicacións ferroviarias de Galicia.











