O rexedor de Ponte Caldelas visita ao medio centenar de persoas que participan no curso de orientación laboral

O alcalde de Ponte Caldelas na visita ao curso
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, visitou ao medio centenar de persoas que participa no curso de orientación laboral promovido polo Concello en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia e que se imparte, por espazo de dúas horas no salón de actos do Centro Cultural.
O curso ten como obxectivo orientar ás persoas en situación de desemprego para que coñezan como deben enfocar e afrontar unha entrevista de traballo, cuestións importantes á hora de elaborar un curriculo, destacar as aptitudes persoais para optar a un posto de traballo, etc.
Perfecto Rodríguez animou aos participantes neste curso a non parar no seu empeño en atopar traballo e sinalou que unha das prioridades da súa xestión á fronte do Concello é facilitar a implantación de empresas no municipio. Na súa intervención, o alcalde referiuse explicitamente ao Parque Empresarial da Reigosa como pulmón industrial da comarca e desexou que a instalación de novas plantas de produción de empresas que se están a fincar neste Polígono actúen de motor do crecemento económico e xerador de emprego no municipio.
O alcalde reiterou aos asistentes a este curso a dispoñibilidade do Concello a colaborar e axudarlles en todo os que lles fose preciso co fin de que poidan incorporarse canto antes e da mellor maneira posible ao mercado laboral. Perfecto Rodríguez lembrou a existencia da Axencia Local de Emprego, organismo impulsor de iniciativas formativas para, “dentro das limitadas posibilidades que ten un Concello modesto como o noso poder axudar aos nosos veciños a formarse e poder atopar traballo nas mellores condicións posibles”, sinalou Rodríguez.
Esta iniciativa formativa enmárcase dentro das actuacións desenvolvidas polo Concello de Ponte Caldelas para colaborar con aquelas persoas en situación de desemprego para que poidan incorporarse en mellores condicións ao mercado de traballo. Recentemente desenvolvéronse varios cursos formativos e a Axencia Local de Emprego, organismo dependente do Concello, prepara máis accións formativas que se irán desenvolvendo nos próximos meses.











