O rexedor de Ferrol anuncia a contratación da rehabilitación do mercado de Recimil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela informou hoxe dos temas principais aprobados na Xunta de Goberno Local celebrada esta maña na Casa Consistorial. Trátase da adxudicación das obras de renovación da cuberta e rehabilitación do Mercado Municipal de Recimil, a licitación da reurbanización da rúa Miramar de Canido e a licitación do servizo de asistencia técnica para a dinamización da aplicación de xestión de expedientes “Cividas”. O primeiro edil da cidade estivo acompañado polo concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación, Guillermo Evia Pérez; o concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Borja Carro Muñoz; e a concelleira de Participación Cidadá, Comunicación e Novas Tecnoloxías, Martina Aneiros Barros.

No que atinxe ás obras de mellora no Mercado de Recimil, Jose Manuel Rey explicou que a actuación conta co informe favorable de Patrimonio da Xunta de Galicia, ao tempo que apuntou que os traballos de rehabilitación hoxe adxudicados inclúen: a reparación da cuberta; substitución de canalóns e baixantes; reparación de elementos danados como morteiros de cemento, formigóns estruturais, aleros ou cornisas; e a limpeza e pintado das fachadas da nave principal así como da parte interior da cuberta de dita nave. Esta actuación ten un custe de 114.0000 euros. A empresa Prosema Noroeste S.L. será a encargada de acometer as obras nun prazo de dous meses, a contar a partir da firma do contrato e da acta de reformulo dos traballos.

Noutra orde de cousas, o Executivo local deu esta mañá luz verde á licitación das obras de “Reacondicionamento dos espazos públicos de articulación interna dos barrios. Rúa Miramar”. O primeiro edil da cidade destacou que esta reurbanización da rúa Miramar completa tódalas actuacións do Plan Urban previstas en Canido e que o inicio do procedemento da contratación do proxecto é posible unha vez que están solucionado o expediente de expropiación pendente dende o mandato pasado. O importe da licitación dos traballos é de 400.603,31 euros e o prazo de execución será de catro meses.

Administración máis cercana e moderna

E por último, o Goberno Municipal tamén aprobou a licitación correspondente á contratación do servizo de asistencia técnica para a dinamización da aplicación de xestión de expedientes “Cividas”. Jose Manuel Rey explicou que se trata do segundo procedemento para a modernización da Administración e para a xestión dos expedientes cara o cidadán.

O importe da licitación é de 66.550 euros e o servizo de asistencia técnica conseguirá que no prazo dun ano moitos dos procedementos que actualmente requiren acercarse ás dependencias municipais poidan ser formulados a través do Portal do Cidadán na páxina web oficial do Concello de Ferrol. Neste senso, o rexedor municipal salientou algúns dos trámites que se poderán realizar a través da Administración electrónica como: as comunicacións previas de comezo de actividades no ámbito do urbanismo, as licencias de obra menor, as reclamacións patrimoniais ou de consumo, as solicitudes de cesión de centros culturais, as solicitudes de bonobús universitario, as solicitudes para a participación en actividades extraescolares ou as instancias para asistir a cursos da Concellería de Igualdade. “Un número importante de expedientes que aforrarán trámites e sobre todo o desprazamento ao Concello”, recalcou o alcalde.

3 de novembro de 2014 | 19:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.