publicidade hoxe

O PXOM de Neda recibe 150 alegacións en fase de exposición pública

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Neda entra nunha nova fase despois de que o pasado mércores, 5 de novembro, concluíse o prazo para a presentación de alegacións. Segundo explicou o alcalde, Ignacio Cabezón Lorenzo, o novo texto urbanístico recibiu un total de 150 propostas de cambio na ordenación proposta por parte de veciños e veciñas. Unha cifra que podería aumentar coas alegacións presentadas en prazo por correo certificado.

En todo caso, a día de hoxe, non é moi elevada, segundo o rexidor, en comparación coas rexistradas en procesos destas características noutros concellos e vilas e, que na súa opinión, constata a boa acollida que o plan está a ter entre a veciñanza. A partir dagora, o equipo redactor avaliará as alegacións presentadas –se se axustan á normativa e son viables dende o punto de vista da ordenación urbanística de Neda– e, superado este trámite, o texto remitiráse á Consellería de Medio Ambiente para a aprobación da memoria ambiental, previa paso á súa vez polo pleno para a aprobación provisional. Paralelamente, o Concello está a recibir os informes solicitados ás diferentes administracións. Ata o momento, dez dos 36 que se precisan.

O alcalde sinalou que se incorporarán as recomendacións que nestes recollan ao plan e, así, presentar xa o texto ao pleno con eses cambios. A continuación, remitiráse á Xunta de Galicia, administración competente na materia para aprobar definitivamente o plan. Nos últimos meses, o Concello organizaba unha serie de charlas informativas en torno ao documento e nas diferentes parroquias de Neda. O obxectivo era dar a coñecer o seu contido entre a veciñanza e resolver as dúbidas e analizar as propostas desta. Así mesmo, o arquitecto municipal reservaba unha parte da súa xornada laboral a atender en exclusiva as consultas sobre o texto. En total, foron 297 as consultas realizadas. Xa o plan fora aprobado na súa fase inicial con tan só un voto en contra, correspondente a IU. O equipo de goberno avalaba co seu sufraxio positivo o texto e o PSOE se abstiña.

En palabras de Ignacio Cabezón, o plan busca reforzar a vocación residencial de Neda construíndo unha vila cómoda e atractiva para veciños e potenciais novos residentes e ampliando servizos. Ese desexo, unido ao cumplimento estricto da lexislación urbanística, foron as motivacións que guiaron a elaboración do plan por parte do Equipo redactor.

7 de novembro de 2014 | 13:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.