O Punto de Información Colexial do Ceesg entrega os premios do concurso fotográfico Olladas dende a Educación Social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+

O xoves 13 de novembro ás 18:45 horas celebrarase o acto de entrega de premios do concurso fotográfico Olladas dende a Educación Social. O evento desenvolverase no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña.

O concurso xurdiu como iniciativa das dinamizadoras do Punto de Información Colexial (PIC) do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg). A intención desta actividade é inmortalizar en imaxes a mirada socioeducativa da vida cotiá e da contorna que nos rodea. Trátase de retratar as utopías, ilusións, inquedanzas, preocupacións, denuncias…, de capturar imaxes que provoquen o debate e a reflexión crítica, fomentando a construción dun discurso conciliador por un mundo máis xusto, no que cada quen temos moito que aportar. Miradas non só desde a Educación Social, senón tamén da Educación Social, evidenciando as realidades onde está presente a nosa profesión e tamén outras nas que pode estar nun futuro non tan afastado.

No concurso establecéronse tres categorías distintas: estudantado, profesorado e PAS de Educación Social da Universidade da Coruña. Haberá un premio e dúas mencións especiais por categoría. O fallo do xurado farase público na entrega de premios, por correo electrónico aos/as participantes e na páxina web do Ceesg.

As fotografías que participaron no concurso poderanse ver nos vindeiros días na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña.

O PIC da Universidade da Coruña comezou a súa andaina a finais do curso 2012-2013 co obxectivo de crear un vínculo entre o estudantado e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.

11 de novembro de 2014 | 10:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.