O Punto de Información Colexial do Ceesg entrega os premios do concurso fotográfico “Olladas dende a Educación Social”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O xoves 13 de novembro ás 18:45 horas celebrouse na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña a entrega de premios do concurso fotográfico Olladas dende a Educación Social. No concurso establecéronse tres categorías distintas: estudantado, profesorado e PAS de Educación Social da Universidade da Coruña.

O fallo do xurado premiou na categoría de alumnado a fotografía “Made in Spain” de Jessica Senín, e outorgou unha mención ao traballo “Rampla de Alfonso Molina” de Patricia Misa. En canto ás fotografías presentadas polo profesorado o premio foi para a imaxe “Villa Consuelo” de Laura Cruz, e obtivo unha mención especial a fotografía “As extraterrestres” de Araceli Serantes.

Alfonso Tembrás, que interveu no acto como representante do Ceesg e do xurado, agradeceu o esforzo do PIC na organización deste concurso, e destacou a importancia de fortalecer o vínculo entre o mundo académico e o profesional, o cal é un dos motivos polos que se constituíu o propio PIC.

As fotografías que participaron no concurso poderanse ver nos vindeiros días na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña.

As gañadoras do concurso recibiron como agasallo o libro “Imagina cuántas palabras” que nace dun proxecto colaborativo que mestura a palabra coa fotografía.

Este concurso naceu como iniciativa das dinamizadoras do Punto de Información Colexial (PIC) do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg). A intención desta actividade é inmortalizar en imaxes a mirada socioeducativa da vida cotiá e da contorna que nos rodea. Trátase de retratar as utopías, ilusións, inquedanzas, preocupacións, denuncias…, de capturar imaxes que provoquen o debate e a reflexión crítica, fomentando a construción dun discurso conciliador por un mundo máis xusto, no que cada quen temos moito que aportar. Miradas non só desde a Educación Social, senón tamén da Educación Social, evidenciando as realidades onde está presente a nosa profesión e tamén outras nas que pode estar nun futuro non tan afastado.

O PIC da Universidade da Coruña comezou a súa andaina a finais do curso 2012-2013 co obxectivo de crear un vínculo entre o estudantado e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia

14 de novembro de 2014 | 11:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.