O PSOE presentará no pleno de Ordes unha batería de propostas para a supervivencia das explotacións de leite no municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+

Os socialistas de Ordes presentarán no pleno municipal do vindeiro 27 de novembro unha batería de propostas para garantir a supervivencia das 177 explotacións de leite existentes en Ordes, sobre todo ante o risco que supón que o Goberno aínda non modificara o Real Decreto que aplica o “Paquete Lácteo” en España e tendo en conta que o sistema de cotas desaparecerá en 2015. Isto podería supoñer que as explotacións non terían garantida a recollida da súa produción xa que as industrias poden optar por recoller o leite a un menor número de granxas que incrementen as súas entregas ao non estar limitados pola cota láctea abandonen aquelas que lle resulten menos atractivas”, explica o voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira.

O voceiro socialista denuncia que “os informes de situación da implantación do contrato obrigatorio no sector lácteo que publica o propio Ministerio de Agricultura demostran que en España non se está a cumprir a lei”. De feito, o último informe (xullo 2014) indica:

– que hai empresas que non asinan contratos (en concreto 1.980 produtores de leite en España, o 11,8% dos gandeiros en activo, están nesta situación)

– que non se cumpre a duración mínima dun ano (xa que a duración media é de 4,98 meses)

– que os contratos non son asinados antes da entrega do leite (o 24,63% dos gandeiros asinan os contratos un mes despois).

Ante esta situación, o Goberno ten previsto modificar o Real Decreto 1363/2012, de 28 de setembro, polo que se regula o recoñecemento das organizacións de produtores de leite e das organizacións interprofesionais no sector lácteo e se establecen as condicións de contratación (BOE 2-10-2012). “É fundamental que esta modificación entre en vigor na seguinte renovación dos contratos, é dicir, a que regule as entregas de leite a partires do 1 de xaneiro de 2015 para garantir estabilidade ao sector lácteo durante o primeiro ano de desaparición das cotas”.

Por iso, o PSOE de Ordes solicitará o apoio dos distintos grupos municipais para que nesa reforma se estipule que a duración mínima dos contratos será de 12 meses, que o volume subministrado polos produtores de leite será igual ao entregado nos 12 meses anteriores e que as empresas presenten aos gandeiros unha oferta por escrito cunha antelación de 1 mes respecto á data de entrada en vigor do contrato. Ademais, se solicitará a creación da figura do mediador dos contratos lácteos, de carácter independente e que poida intervir en caso de conflito; e a regulación da figura dos primeiros compradores de leite.

Así mesmo, os socialistas ordenses solicitarán da Xunta de Galicia a mobilización de terras agrarias para incrementar a superficie útil das explotación. “O obxectivo é incorporar 400.000 hectáreas no ano 2015 e tamén que se prohiban as plantacións forestais en terras agrarias, e que se vixíe que así sexa”, indica Xesús Pedreira.

Ordes, concello leiteiro

O sector lácteo é un dos sectores estratéxicos tanto de Galicia como de Ordes e a súa comarca. Así, Galicia achega á produción de leite de vaca en España o 56% dos produtores, o 40% das vacas leiteiras e o 39% das entregas de leite, sustentando uns 60.000 postos de traballo. Na comarca de Ordes, o peso do sector lácteo é moi importante, xa que é a terceira comarca en produción de leite en Galicia, con 1.067 explotacións e cunha cota de 223.963.852 quilos. Ordes é o terceiro concello da comarca que máis leite produce, só por detrás de Mesía e de Frades.

De feito, en Ordes están rexistradas 177 explotacións, cunha cota asignada de 27.954.427 quilos, o que supón unha cota media de 157.935 quilos por explotación. O censo da campaña 2012-2013 indica que en Ordes hai un total de 3.343 vacas de leite e 2.077 vacas de carne, facendo unha media de 12 vacas por explotación.

19 de novembro de 2014 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.