O proxecto do presuposto municipal de Vilagarcía para 2015 elevarase ao pleno o 1 de decembro
Despois de meses traballando na súa elaboración, o goberno local puxo en marcha hoxe de forma oficial o proceso de tramitación do Orzamento Municipal de 2015 co obxecto de elevalo ao Pleno a celebrar o vindeiro 1 de decembro e cumprir así co compromiso realizado polo alcalde ao inicio do mandato de presentar en tempo e forma os presupostos de cada ano. A tramitación comezou esta mañá coa reunión da Mesa Xeral de Negociación na que o goberno presentou aos representantes dos traballadores o Anexo de Persoal e as medidas que se engadirán ao presuposto en materia de recursos humanos.
Co obxecto de facilitar o traballo dos representantes sindicais, o goberno entregoulles o venres o Anexo de Persoal a efectos de que tiveran tempo a analizalo antes da reunión de hoxe e así, poder presentar propostas ou alternativas. A principal novidade que plantea este ano o goberno de Tomás Fole a diferencia dos presupostos anteriores, é que en lugar de manter a liña da amortización de prazas, óptase pola reconversión de postos. Esta medida adóptase en vista das necesidades detectadas ao longo deste tres últimos anos como consecuencia das amortizacións e reorganización de servizos a efectos de optimizar a racionalizar o funcionamento da plantilla municipal.
Outra medida novidosa respecto aos anteriores exercizos do mandado do PP é que este no presuposto de 2015 contémplase por primeira vez a cobertura de prazas vacantes, unha medida centrada especialmente en mellorar os recursos humanos da Policía Local, onde se propón a cobertura de 3 prazas (unha delas de Inspector). Tamén no corpo policial prevese a reconversión de dúas prazas que pasarán a ser desempeñadas por axentes que pasa á segunda actividade.
No ámbito da Xerencia de Urbanismo, o PP tamén propón reconverter a praza de xerente, vacante dende hai un ano pola xubilación do Arquitecto Xefe, por unha de Asesor de Órganos de Goberno, que estaría dotada con menor dotación que a que vén a suplir. Segundo a proposta municipal, a Xerencia de Urbanismo manteríase coa dirección compartida por parte de dous funcionarios municipais, cuxos postos se consolidarán nos orzamentos de 2015 nas figuras de director e coordinador.
O alcalde incidiu en que tanto a reconversión de postos como a cobertura de prazas é posible este ano grazas aos esforzos realizados nos tres exercizos anteriores, tanto en materia de persoal como económica en xeral, para conseguir axustar o plantel municipal, reducir custes de persoal, recortar gastos superflúos e crear aforro. Fole Díaz engadiu que pese á impopularidade dalgunhas das medidas que houbo que adoptar no seu día e o esforzo que iso supuxo para Concello e veciños, a xestión económica tivo o esperado resultado positivo que agora si permite cambiar reconvertir e cubrir prazas para poder implementar o persoal naqueles departamentos onde realmente se necesita e en servizos importantes, como é o caso da Policía Local.
En relación ao tema económico, o Concello comunicou á mesa de negociación que nos presupostos de 2015 consígnase unha partida para facer fronte á devolución da paga extraordinaria de Nadal retirada no ano 2012. Aínda que só existe sentenza xudicial de abono ao persoal laboral, o grupo de goberno prevé facer extensible a devolución tamén aos funcionarios.
Último encontro o mércores
A Mesa Xeral de Negociación celebrouse en un clima de cordialidade e entendemento, segundo manifestou o rexedor. Fole comentou que, a priori, os representantes dos traballadores acolleron de bo grado a maior parte das propostas do goberno, propuxeron matizacións a algunhas delas, suxestións que agora terá que estudar o seu equipo e o mércores volveranse a reunir para presentar a proposta definitiva.
O rexedor explicou unha vez rematada a negociación do Anexo de Persoal cons traballadores, o goberno pechará o proxecto dos presupostos coa maior brevidade para pasarlle a documentación aos grupos da oposición. Coa intención de que dispoñan do tempo suficiente para analizar o borrador dos orzamentos e que poidan elaborar as propostas que consideren oportunas, en vista de que a sesión ordinaria prevista para o último luns de cada mes, caía en novembro relativamente cedo (o día 24), o alcalde optou por demorar o Plano unha semana, polo que finalmente celebrarase o seguinte luns, 1 de decembro. Este pequeno aprazamento non suporá variación algunha na tramitación, nin demora na entrada en vigor do documento, e cumpre igualmente o compromiso do alcalde de aprobar os orzamentos de cada ano antes do inicio do exercizo en cuestión.











