O Prone Lugo F.S. vendeu cara a súa derrota en Madrid
Non puido traerse algún punto o Prone Lugo F.S. da súa visita a Inter Movitsar, nun partido no que plantaron cara a un dos grandes favoritos ao título. Tras uns primeiros minutos de tanteo, Pablo Mel abría o marcador no minuto 8. Pero os xogadores de Javier Albes non se viñeron abaixo e no minuto 13 Iago Rodríguez lograba o empate, cinco minutos máis tarde lograría o seu segundo gol aproveitando a superioridade numérica provocada pola expulsión de David Pazos, conseguindo que o Prone Lugo F.S. chegase ao descanso con vantaxe no marcador.
Na segunda metade os xogadores de Jesús Velasco saíron dispostos a darlle a volta ao partido e no minuto 22 Rivillos lograba o empate. O cadro local puxo todo sobre a pista e coa entrada de Lolo e Cardinal recuperou o seu estilo de xogo e en dous minutos lograba darlle a volta ao marcador con goles de Pablo Mel e Borja. Nese momento Javier Albes intentouno xogando de 5 e no minuto 33 Antonio Diz lograba o 4-3 que devolvía a esperanza ao Prone, pero tres minutos despois Rivillos volvía aumentar a distancia no luminoso. No 37 Iago Rodríguez redondeaba o seu hat-trick e facía soñar ao seu equipo, pero xa no minuto 40 Rubén Ordáez lograba o definitivo 6-4 despois dunha xogada moi protestada polos galegos, que non se mostraron satisfeitos co labor arbitral, xa que perdoaron varias tarxetas claras aos madrileños.











