O programa ‘Deseñando o teu futuro’ achegará a 750 mozos galegos a realidade laboral das profesións
‘Deseñando o teu futuro’ é unha nova iniciativa de educación non formal da Consellería de Traballo e Benestar coa que se pretende aproximar aos mozos e mozas galegos de entre 15 e 18 anos a realidade laboral en aquelas profesións e especialidades que eles mesmos desexen coñecer.
Esta iniciativa reforzarase e consolidarase o próximo ano tras poñer en marcha este ano unha experiencia piloto na que participaron 16 mozos. Precisamente, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe este proxecto piloto que tivo lugar en Cultigar, un laboratorio de biotecnoloxía vexetal pertencente ao grupo Paideia.
A titular de Benestar anunciou que esta actuación chegará en 2015 a 750 mozos e mozas para o que a área de Xuventude destinará 130.000 euros. Para desenvolver o programa, a Xunta promoverá a colaboración non só con Paideia senón tamén con outras entidades e cos concellos.
“Os participantes achegaranse ao día a día dun traballo, aos profesionais que o realizan, aos aspectos máis positivos e negativos que ten calquera posto de traballo”, explicou Mato, quen apostilou que esta iniciativa ofrece unha experiencia e unha aprendizaxe moi positiva, que completa e complementa a formación regrada que reciben nos centros educativos. “Non van cubrir un posto de traballo, aínda que adquiren unha experiencia de educación non formal que permite o desenvolvemento e crecemento persoal dos mozos e mozas”, engadiu Mato.
Segundo a conselleira, ‘Deseñando o teu futuro’ fomenta a iniciativa, a toma de decisións e a responsabilidade da mocidade, ao tempo que mellora o seu currículum, polo que contribúe a aumentar a súa empregabilidade.
Mato indicou que as experiencias de educación non formal, como é esta iniciativa, son moi valoradas polas empresas á hora de contratar a novos traballadores. Por iso, avanzou que desde a Consellería de Traballo e Benestar estase a facer fincapé nos programas desta tipoloxía. Deste xeito, os orzamentos de 2015 inclúen un incremento do 25 por cento nos proxectos de educación non formal que se financian desde o departamento autonómico. Estas actuacións alcanzarán os 2,5 millóns de euros e superarán os 4.000 beneficiarios.
A titular de Benestar tamén lembrou que no eido da educación non formal, e, como novidade, a Xunta está a traballar nun Decreto que vai regular a expedición de certificacións oficiais das experiencias, competencias e habilidades adquiridas, de forma análoga ao que xa se está a facer no eido do voluntariado. “Imos converternos na primeira administración de todo o Estado que valida de forma oficial a participación nestes programas”, apuntou.
Colaboración con Paideia
Por último, Mato agradeceu a colaboración que Paideia amosou para o desenvolvemento desta experiencia piloto, así como doutras pequenas empresas da provincia da Coruña. Destacou que Paideia é unha entidade que leva tempo colaborando coa Consellería na realización de programas como Xuventude en Acción e co Proxecto La Ida, co que se financia as prácticas laborais de mozos desempregados en Alemaña. En total, desde 2009 as liñas de colaboración do departamento autonómico con Paideia superan os 1,8 millóns de euros.











