O Programa Atrévete na bisbarra Eduemprende
A A.E.F. e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, estableceron un acordo de colaboración para fomentar a cultura do emprendemento entre os alumnos de Primaria e ESO.
Eduemprende é o Plan de emprendemento do sistema educativo de Galicia, aprobado no ano 2010 e que ten como obxectivo estratéxico a implantación na comunidade educativa da cultura emprendedora, necesaria para mellorar a competitividade das empresas e a empregabilidade do alumnado galego.
Así a A.E.F. colaborará coa CEOU e os Centros de Formación , implicándose en diferentes actuacións dirixidas a:
· Sensibilización e motivación. Medidas que é necesario desenvolver para que a comunidade educativa perciba a importancia de construír e fomentar a cultura emprendedora, para recoñecer no seu ámbito actitudes e valores emprendedores, favorecendo a súa integración nos centros educativos e creando unha conciencia emprendedora.
· Capacitación emprendedora. Iniciativas que se destinen a mellorar as capacidades en competencias emprendedoras do alumnado, a través da información, a orientación e unha formación axeitada para cada nivel educativo. Incidir na necesidade de dotar de recursos o profesorado e na súa capacitación, co obxectivo de repercutir no alumnado.
· Actuacións dirixidas ao apoio ao alumnado con habilidades emprendedoras, para a posta en marcha de proxectos empresariais viables e para a posta en práctica de ideas innovadoras de negocio.
· Coordinación e aproveitamento de iniciativas. Comunicación, investigación, coordinación e posta en valor das actividades que en materia de emprendemento sexan de utilidade para e sistema educativo de Galicia e que teñan un efecto de transversalidade sobre o conxunto de medidas do programa.
En concreto, o Programa Atrévete Ferrolterra (encadrado dentro de Plan Eduemprende) fomentará a cultura emprendedora entre os alumnos de 6º de primaria e 2º de ESO dos centros educativos.
As actividades dirixidas a alumnos de educación primaria serán: visita a un CIFP Ferrolterra, unha charla que é emprender? e a explicación dunha experiencia emprendedora (contada por un representante/empresario da AEF).
As dirixidas a estudantes de secundaria consistirán nunha reunión cun emprendedor e unha visita a unha empresa membro da Asociación de Empresarios Ferrolterra.
A primeira visita ao CIFP Ferrolterra terá lugar este venres, 28 de novembro e realizarana alumnos de 6ª de Primaria do CEIP A Laxe de Valón e a vicepresidenta da AEF, Ana Mª Herba Losada contaralles a súa experiencia como directiva da empresa Fabricacións e Montaxes Hidráulicas.
A segunda, terá lugar o 5 de decembro, sendo neste caso alumnos do CIFP Recimil os que acudirán ao CIFP Ferrolterra e contarán coa experiencia do presidente da Asociación, José Ramón Franco Caaveiro, a fronte do Grupo Intaf.
Nos referente ás actividades dos alumnos de secundaria está previsto que se inicien en xaneiro de 2015.











