O presidente da Deputación de Ourense pide no Parlamento unha descentralización provincial
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, compareceu hoxe diante da Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para dar conta das liñas xerais dos orzamentos da Deputación de Ourense para o ano 2015, que foron aprobados no pleno da Corporación Provincial do pasado mes de outubro por primeira vez na historia da Deputación de Ourense. O presidente provincial pediu “a este Parlamento e ao goberno autonómico” “unha descentralización provincial, medida encamiñada á cooperación cos gobernos locais”, por entender que as deputacións “son as administracións máis achegadas aos concellos e que os concellos son os máis próximos aos cidadáns”. “Non fagamos que estes 36 anos da historia de España –remarcou Baltar- consistan so en mudar o centralismo de Madrid polo centralismo de Santiago”.
Manuel Baltar pediu actuar “con criterios de equilibrio territorial” e tomar á deputación “como ferramenta eficaz para a mellor prestación dos servizos públicos, como estamos demostrando en Ourense en ámbitos tan importantes como a recollida de lixo, a recadación de tributos locais, a rede de centros de recollida de animais abandonados e os servizos de emerxencia e incendios, entre outros”.
O presidente provincial volveu reivindicar –como xa fixera nas súas anteriores comparecencias- a reforma da lexislación electoral para a elección directa dos membros da corporación provincial; a participación das deputacións na recadación dos tributos autonómicos, como establece o artigo 142 da Constitución; e a reforma da Lei de Administración Local de Galicia, para adaptala á nova lexislación estatal, “amosando, por suposto, a total dispoñibilidade do goberno provincial de Ourense para falar de futuro, ese escenario que a todos nos espera”.
Baltar anunciou tamén que a Deputación de Ourense celebrará o vindeiro 14 de novembro o primeiro debate sobre o Estado da Provincia que realizará unha deputación en Galicia, sesión na que se aprobará unha proposta de resolución que fixará o mes de setembro de cada ano para a aprobación inicial os orzamentos da anualidade seguinte. “Isto é –dixo o presidente provincial- ao meu entender o que caracteriza a unha administración pública: a previsibilidade e a planificación. Esa filosofía guía o noso funcionamento, e calquera cidadán pode comprobar o cumprimento do Plan Ourense 92 de xestión e estratexia operativa da Deputación de Ourense a través da nosa web vendo o cronograma de implantación das novas actuacións que puxemos en marcha nesta lexislatura que tamén pasará polo veredicto das urnas dentro exactamente de 200 días”.
Neste senso, Manuel Baltar explicou que hoxe contamos cun novo marco legal estatal local, a Lei de racionalización e sostibilidade da administración local, “que clarifica e consolida o papel do goberno provincial, da deputación, como instrumento clave para a prestación de servizos públicos mediante a palabra que eu considerei sempre máis importante en política: a cooperación”.
Baltar dixo que os orzamentos de 2015 consolidan un goberno provincial “rigoroso, medioambiental, transparente con peso de seu como e-administración, cooperador e planificador”. Tamén lembrou que reflicten una baixada no endebedamento da Deputación que se situaba no 116 % en decembro de 2011 e que en decembro de 2014 será do 48 % -68 puntos menos-. “Fixáramos como obxectivo reducilo 15 puntos ao remate da lexislatura e, sen embargo, a redución será, aproximadamente, de 80 puntos”.
Os orzamentos da Deputación de Ourense para 2015 ascenden a 75.707.000 euros, e é precisamente esta institución provincial a que máis fondos destina de toda Galicia, porcentualmente, para servizos sociais e atención ás persoas. Baltar destacou que os orzamentos aumentan case un 3 % con respecto a 2014, “reforzando a recuperación da facenda provincial e rebaixando a débeda de xeito espectacular, á vez que aumentan os investimentos, reducen os custos de persoal e apostan por novos proxectos de provincia”.
“A transparencia segue a ser a nosa liña institucional básica -explicou Manuel Baltar-. O di Transparencia Internacional situándonos como o terceiro de España dentro dos 45 gobernos provinciais existentes, e o reafirman feitos como a aprobación do noso Código Ético e de Conduta, para os cargos electos e para o persoal ao servizo da Deputación, aprobado o pasado mes de abril, o primeiro dun goberno provincial en España, e o consolida a aprobación da primeira ordenanza de transparencia, acceso e reutilización da información das aprobadas en España, en xuño pasado, e que entrará en vigor no vindeiro mes de decembro”.
“Micromunicipalismo”
Manuel Baltar fixo tamén fincapé na súa intervención nas competencias das deputacións, subliñando que o actual estatuto competencial das deputacións provinciais “limita o seu papel a funcións asistenciais e de cooperación cos concellos”, especialmente os de poboación inferior a 20.000 habitantes. “Esta limitación constitúe unha anomalía respecto da situación das entidades equivalentes ás deputacións na maioría dos estados da Unión Europea e é unha das principais eivas do noso sistema de goberno local”, expresou.
Neste senso, aclarou que existe certa unanimidade “á hora de diagnosticar como problema fundamental o do “micromunicipalismo”, é dicir, a insuficiencia dos pequenos concellos para xestionar axeitadamente importantes áreas de decisión pública, debido ás súas naturais limitacións demográficas e orzamentarias”.
Por elo, segundo Baltar, a idea de que as deputacións poidan suplir esas carencias dos pequenos concellos exclusivamente mediante acción asistenciais e de cooperación “resulta excesivamente inxenua, pois o espectro das accións asistenciais é limitado, dado que o simple reparto de axudas por si só non permite combater as causas estruturais das deficiencias nos servizos municipais, ao non poder incidir en aspectos como a ordenación, planificación, deseño e xestión destes servizos”.
Debido a isto –explicou-, a Deputación de Ourense deu un salto cualitativo, xa hai anos na súa política de cooperación cos concellos, “consistente en que fose a propia Deputación a que pasase a xestionar, integramente e por delegación dos concellos, os servizos municipais, mantendo ao mesmo tempo unha cualificada participación dos gobernos municipais na toma de decisión, mediante un sistema de comisións de seguimento. Esta fórmula coñece xa experiencias de éxito contrastado e recoñecido, como é o caso da recollida de residuos sólidos urbanos ou a rede provincial de centros de recollida de animais abandonados”, explicou o presidente provincial.
Transferencias
Como remate, Manuel Baltar dixo que estas experiencias positivas de xestión “levan á conclusión de que a deputación provincial é unha institución cun enorme potencial para a ordenación e xestión de servizos no ámbito local. Desperdiciar ese potencial, limitando o campo de actuación das deputacións e negándolle os medios financeiros precisos, é un erro de gravísimas consecuencias que acaban pagando os cidadáns, que padecen, ou ben as carencias dos servizos locais, ou ben o afastamento da toma de decisións neses servizos no caso de que fosen asumidos pola Xunta de Galicia”.
Por este motivo, entende Baltar, é preciso reivindicar a potenciación das deputacións provinciais como gobernos locais intermedios, “ampliando as súas competencias a aqueles sectores de acción pública de interese local que, debido á súa complexidade técnica ou económica, non poden ser asumidos polos concellos de menos de 20.000 habitantes, o que mesmo debería implicar a transferencia ás deputacións provinciais de moitas das competencias que a Xunta de Galicia xestiona na actualidade, achegando deste xeito ós cidadáns a toma das decisión de ordenación e de xestión deses servizos, unha reforma que suporía trasladar ao noso sistema de goberno local o que xa é normal na maioría dos estados da Unión Europea”.











