O Porto de Vigo rende homenaxe ao Rotary Club instalando unha escultura rotaria na rotonda da Laxe

Inauguración da escultura
O Porto de Vigo rendeu homenaxe hoxe ao Rotary Club Vigo coa instalación dunha escultura rotaria na rotonda situada fronte ao Centro Comercial A Laxe, froito do contrato de cesión asinado co Club vigués.
Segundo explicou o Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, durante a inauguración deste novo espazo, esta peza escultórica forma parte da importante aposta polo turismo de cruceiros que está a levar a cabo nos últimos anos a institución que preside.
Neste sentido, o máximo responsable portuario subliñou que esta actuación se suma ao resto de traballos que se están levando a cabo na zona, como o axardinamento dos antigos silos de cableros, co obxectivo de mellorar a contorna do Peirao de Transatlánticos como principal entrada do turismo na cidade.
Segundo apuntou López-Chaves, este novo espazo simboliza, ademais, o nexo de unión entre Porto e Cidade e demostra que o Porto non é só actividade económica, senón que tamén teñen cabida outros proxectos de cesión de espazos á cidade, como sucede neste caso ou no dos novos xardíns do Peirao de Transatlánticos.
A nova figura rotaria é unha peza de aceiro que se sustenta elevada sobre dous bloques de granito rosa Porriño con forma de tronco piramidal. A peza configúrase como un elemento que produce diferentes perspectivas segundo a posición do observador. Así, vista desde a súa vertical, é un cadrado, mentres que un observador a nivel de rúa percibirá as formas dunha cadeira de montar. Do mesmo xeito, visto desde o eixo Berbés-Club Náutico, simula unha tenda de campaña cunha parte inferior en forma de arco. A peza ten, ademais, o seu anagrama característico, que consiste na denominada “Roda Rotaria”.
Durante a inauguración da escultura rotaria, o Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo estivo acompañado polo Presidente do Rotary Club de Vigo, Modesto Pérez e polo autor do monumento, Rafael Llano de la Concha, así como polo Subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, forzas e corpos de seguridade do Estado e autoridades civís.











