O Porto de Vigo e o Campus do Mar estudan incorporarse a unha agrupación mundial de centros de investigación

Reunión Porto de Vigo e Campus do Mar
O Porto de Vigo e o Campus do Mar estudan a incorporación de ambas as institucións a unha agrupación mundial de centros de investigación vinculados á actividade portuaria.
Así o anunciaron esta mañá o Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, e o Reitor da Universidade, Salustiano Mato, quen concretaron que o obxectivo deste proxecto, coñecido como “World Harbour Project” (WHP) é o de facilitar, conectar e reforzar os programas de investigación e xestión dos principais portos urbanos do mundo coa finalidade de constituír unha fronte común.
A incorporación de ambas as institucións a esta agrupación da que forman parte os centros de investigación e os portos máis importantes do mundo, faríase efectiva a través do Campus do Mar, do que é socio o Porto de Vigo, co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento dos diversos proxectos que leven a cabo.
Segundo explicou López-Chaves, “prestaremos todo o noso apoio ao Campus do Mar para que este proxecto poida saír adiante”, xa que “Vigo é un Porto de tráficos limpos e que traballa intensamente en proxectos orientados á eficiencia enerxética e a sustentabilidade ambiental co obxectivo de converterse nun Porto Verde”.
Referentes en Europa
Pola súa banda, Salustiano Mato mostrouse “agradecido” polo apoio do máximo responsable portuario a este proxecto e, neste sentido, destacou a colaboración que existe entre ambas as institucións que, cada vez, “é máis firme e estreita”. Por iso, o Reitor da Universidade de Vigo destacou esta “alianza estratéxica”, que supón a incorporación de ambas as entidades a unha iniciativa mundial co obxectivo de “converternos nun referente en Europa”.
Así, Mato destacou a “potencia” do Campus do Mar ligado ao Porto de Vigo e “a súa loita polo desenvolvemento sustentable” como un tándem indisoluble para facer fronte a esta rede mundial de institucións localizadas en cidades que aloxan portos mariños de relevancia e características diferenciadas.
Intercambio de experiencias
O programa contempla o intercambio de experiencias a través da mobilidade de investigadores, técnicos, xestores e estudantes, a realización conxunta de talleres e simposio, así como o desenvolvemento conxunto de proxectos multicidade. Cada un dos membros da rede centrará o seu traballo nos aspectos particulares de relevancia no seu territorio. Estes traballos poderán complementarse e ser comparados cos realizados noutras cidades.
WHP estará liderado desde o Sydney Institute of Marine Science, que proporcionará os recursos para a xestión administrativa da rede de cidades. A rede buscará financiamento para a realización de proxectos a través do Banco Mundial e o Programa de Nacións Unidas para o medio Ambiente, entre outros.
A rede constituirase en Sydney ao longo deste mes e estará formada por universidades, centros de investigación e administracións implicadas na xeración de coñecemento e na xestión destes sistemas socio-ecolóxicos.











