O pleno de San Sadurniño aproba as obras do POS por unanimidade
A sesión extraordinaria do pleno municipal celebrada na tarde deste mércores incluía seis puntos na orde do día que a corporación tratou e aprobou en pouco máis de 25 minutos, habida conta de que varios dos asuntos eran case cuestións de trámite. Con todo, o tempo foi suficiente para que se dese o debate, centrado principalmente no asunto da modificación de varias ordenanzas e no da variación dalgúns puntos do Convenio Colectivo asinado recentemente co persoal laboral.
Trala aprobación da acta da sesión anterior, o pleno meteuse en materia co punto no que se pretendía dar a coñecer o estado de execución orzamentaria a 31 de outubro de 2014. Un asunto que quedara enriba da mesa no último pleno ao non facilitar os servizos económicos a información requirida polo goberno local. Onte repetiuse por segunda vez a situación. O Secretario-Interventor achacou o retraso no rendemento de contas “á falta de persoal dedicado á área” e ás modificacións legais que entraron en vigor este ano sobre como deben levar os concellos a súa contabilidade. O técnico aclarou, sen embargo, que “non é un tema que atenda eu directamente e non poido dicir máis, eu creo que a persoa que o leva está traballando nel e falta pouco.”
Ao tratarse dun punto informativo, neste apartado do pleno non houbo intervencións de ningún dos grupos municipais. Onde si o houbo foi no referido á modificación de oito ordenanzas que a partir de agora incorporarán unha bonificación dun 50 por cento para os mozos e mozas que o soliciten previamente e teñan en vigor o Carné Xove.
Tal e como explicou o edil de Facenda, Suso Soto, os servizos municipais aos que se lles aplicarán estas bonificacións son os da subministración da auga, a dos sumidoiros, as licenzas de autotaxi e os referidos á limpeza de fincas. Porén, segundo o concelleiro, “onde máis o vai notar a mocidade” será nas licenzas de apertura dun establecemento, nos servizos asociados aos casamentos civís nas dependencias municipais e, sobre todo, a importante rebaixa que o Carné Xove suporá na tramitación de expedientes urbanísticos -entre eles as licenzas de obra- e no uso tanto de instalacións como de servizos culturais e deportivos. Iso si, Soto remarcou que as rebaixas non se aplicarán automaticamente, senón que en todos os casos haberá que pedir a bonificación no intre en que se solicite o servizo do que se trate e acreditando sempre a vixencia deste carné que se pode tramitar a través da Oficina de orientación laboral.
O portavoz nacionalista explicou que a medida se toma co obxectivo de que todas as bonificacións entren en vigor xa para o exercicio do 2015 e que, en calquera caso, o obxectivo municipal é “favorecer” a mocidade “nos momentos actuais de crise de desemprego na comarca”. Secundino García cualificou a modificación como “moi positiva” e como “un apoio real ao emprendemento da xente moza”.
Unha postura compartida tanto polo PP e polo PSOE que, sen embargo, se mostraron críticos á hora de valorar a modificación da ordenanza reguladora da taxa polos servizos da escola infantil municipal para incluír nela as rebaixas ofertadas pola empresa Bolboreta S.C. Plácido López indicou que as cotas “deberían subvencionarse”, mentres que Fernando Márquez indicou que os novos prezos non supoñen unha rebaixa “suficiente” e que as tarifas “son para xente con ingresos medios altos”. Secundino García acusou á oposición de “facer demagoxia” e lembroulle que a razón de ter que optar por unha concesión administrativa responde “a unha lei aprobada polo PP e polo PSOE que obriga aos concellos ao equilibrio presupostario.”
Malia o debate, os tres grupos votaron a favor unanimemente a modificación de todas as ordenanzas, incluída a dos prezos da escola infantil.
Tras este punto o pleno aprobou cos votos favorables de BNG e PSOE e a abstención do PP modificar tamén o articulado do Convenio Colectivo acordado recentemente co persoal laboral. Trátase de pequenas variacións que foron notificadas pola Consellería de Traballo para que o documento poida entrar en vigor. Suso Soto explicou que estas modificacións “non inciden no espírito do acordado entre a administración local e o persoal” e lembrou que o texto final foi ratificado a semana pasada polo persoal laboral.
Obras do POS
Os tres grupos municipais tamén lle deron o visto e prace á proposta de obras que se incluirán no POS do ano que vén. O Concello preparou tres grandes proxectos que, en conxunto, supoñen o arranxo de case 6 quilómetros de pistas municipais. O primeiro deles ocuparase das pistas da Leiriña a Santiso e da do Xestal, en Ferreira, así como da do Vilar en Igrexafeita. O segundo proxecto, tamén para asfaltados, recolle a pista desde Castrelo ata A Veiga e o camiño da Escoitadoira, en Santa Mariña do Monte. O terceiro documento establece as obras de mellora da pista entre Soutocalvo e A Vila -Ferreira-, a das Paredes no Camiño Arriba, a do Cancelo -Lamas- e o camiño de Corrás en San Sadurniño. Serán 138.000 euros, mentres que os outros 66.000 se destinarán a gasto corrente.
PP e PSOE criticaron que non todo o importe do POS vaia para o amaño de pistas e que se traslade parte del a gasto corrente. Secundino García asegurou que San Sadurniño “é dos concellos da comarca que menos porcentaxe destina a gasto corrente” e lembroulles aos voceiros da oposición que o mantemento ordinario da rede viaria “tamén é gasto corrente”.
O último punto da orde do día centrouse na elección da Xuíza de Paz. Un proceso que lle compete exclusivamente ao pleno e para o que se presentaron tres aspirantes “con titulacións e méritos moi semellantes”. Unha circunstancia que levou aos tres grupos municipais a decantarse pola persoa que primeiro presentou a solicitude. Desta maneira a nova Xuíza de Paz de San Sadurniño será a veciña de Igrexafeita Patricia Calvo Hermida.











