O pleno de Carballo inclúe a aprobación dunha declaración contra a violencia de xénero
A sesión plenaria ordinaria do mes de novembro, prevista para o luns 24 ás 20.30 horas, inclúe na orde do día a aprobación dunha declaración institucional con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. O documento acorda, en primeiro lugar, que o Concello lle traslade á Xunta de Galiza o seu compromiso na colaboración necesaria para “o cumprimento da Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero”; apoiar ao “asociacionismo que traballa no combate contra a violencia de xénero” e desenvolver, en colaboración co tecido social “novas campañas de concienciación sobre a responsabilidade social e a necesidade de illar aos agresores”; e, por último, “deseñar un plan de sensibilización permanente contra a violencia machista que englobe ao conxunto da sociedade”. Está previsto ler esta declaración o domingo 23 de novembro nun acto durante a Feira das Asociacións que se celebra cada ano a prol da eliminación da violencia de xénero.
Ademais, a orde do día inclúe a aprobación doutra declaración, neste caso referida á situación do veciño José Mato Roibal. Nun texto breve, recóllese o acordo para “instar á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado á necesaria intervención institucional para demandar das autoridades colombianas unha pronta resolución no xuízo ao noso veciños, José Mato; e tamén se manifesta “a solidariedade coa familia e coa plataforma constituída en apoio a José Mato”. Entre os asuntos de trámite, o pleno recolle a modificación da composición da Mesa local de Comercio. Así, está previsto que se incorpore ao organismo a Asociación de Comerciantes e Hostaleiros do barrio da Milagrosa, polo que, ademais do representante desta entidade, deberá incorporarse á mesa un membro da corporación, como así o esixe a normativa. Será proposta a Tenente de Alcalde e Concelleira de Feiras e Mercados, Milagros Lantes Seara.
Outro dos asuntos incluídos na sesión refírese á aprobación dun acordo de imposición e ordenación de prezos públicos por actividades de Formación e Emprego do Concello. Así, do mesmo xeito que ocorre nas áreas de Servizos Sociais ou Cultura, acórdase que as actividades realizadas no Fórum Carballo relacionadas coa formación e o emprego poderán ser obxecto destes prezos regulándose así o uso das instalacións por parte de distintas entidades. Os prezos estipulados para cada caso, que mesmo poden ser gratuítos, serán estipulados en cada caso pola Xunta de Goberno Local. A orde do día recolle tamén a aprobación definitiva do estudo de detalle da parcela E-41 da rúa da Madeira no Parque Empresarial de Bértoa. Trátase dunha das parcelas do polígono orientadas cara a circunvalación de Carballo e na que se está construíndo unha nave. Trátase dun trámite necesario para conseguir a autorización correspondente.
No apartado de mocións, a sesión debaterá unha proposta do PP en relación á construción da Autovía da Costa da Morte. Así, no texto solicítase que se inste á Xunta de Galicia a que se retomen as obras da autovía e a que se cumpran os prazos estipulados para a realización da actuación. Por último, no apartado de Seguimento de órganos de Goberno, recóllese o Informe de Intervención e Tesourería do cumprimento da Lei de medidas contra a morosidade relativo ao terceiro trimestre de 2014. Segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, o Concello vén de mudar á responsable da área de Intervención por xubilación, polo que, aínda que seguen cumpríndose os prazos estipulados por lei de pago a provedores -que deben ser inferiores a 30 días- a media é algo superior ás anteriores. Pasouse dunha media de aproximadamente 15 días a de 27,13.
Non obstante, Ferrero espera que coa adaptación do servizo á nova xestión, os índices volvan reducirse en trimestres sucesivos. Durante o terceiro trimestre de 2014 pagáronse en prazo 1.1313 facturas por un importe superior ao millón e medio de euros. Fóra de prazo, cun exceso de 19,48 días, pagáronse 119 facturas. Rexistrouse un único pago fóra de prazo a final de trimestre por 0,3 céntimos de euro. Respecto do informe preceptivo do Marco Orzamentario, o Alcalde explica que se cumpre a regra de gasto, así como o obxectivo de estabilidade e o documento xa ten sido enviado ao Ministerio de Facenda.











