O pleno de Carballo aproba as declaracións sobre o 25 de novembro
A corporación carballesa aprobou por unanimidade, nun pleno de apenas 10 minutos de duración, os tres primeiros puntos incluídos na orde do día que foron a acta da sesión anterior, así como a Declaración institucional con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres e outra Declaración referida á situación do veciño de Carballo, José Mato Roibal. As dúas poden consultarse máis abaixo en pdf nesta mesma nova. Mais ao pouco de comezar e cando ía abordarse a aprobación da modificación na composición da Mesa local de comercio, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, decidiu suspender a sesión debido ás interrupcións do público asistente, que protestaba de novo pola Ordenanza fiscal nº 6 reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo. Nunha rolda de prensa posterior, Ferrero sinala que dende o goberno foise “escrupulosamente democrático ao permitir o uso de algo que non se permite en ningunha administración pública”, como é o uso de carteis por parte dos asistentes, e que a sesión suspendeuse porque “non se escoitaba e non era posible desenvolvela con normalidade”.
O Concelleiro e voceiro municipal, Xosé Regueira, sinala que a situación que se viviu o luns 24 pola noite no salón de plenos foi “anómala dende o punto de vista democrático” e subliña que “as desestabilizacións da orde do día foron constantes”, xa que “a corporación ten que poder tratar con tranquilidade puntos que son moi importantes para o conxunto da sociedade”, polo que considera que obstaculizar a actividade cotiá dunha sesión plenaria non é o “método máis axeitado” para protestar. Respecto do fondo da cuestión, referida a que os veciños e veciñas presentes solicitaron a derrogación da Ordenanza reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo por incluír no cobro a todas as vivendas habitables, Regueira tamén aclara que “legalmente temos que cumprir” xa que calquera acordo que vaia contra esa normativa “sería nulo de pleno dereito” porque “as administracións públicas non poden tomar acordos ilegais”. Subliña que en ningún caso se vai cobrar a taxa a vivendas “non habitables”, e Ferrero engade que dende 1998 o servizo de recollida de lixo deixa de ser prezo público para pasar a ser unha taxa, e polo tanto “de recepción obrigatoria” para todas as vivendas habitables, estean ou non ocupadas, ademais de que existe xurisprudencia ao respecto, mesmo sentenzas do Tribunal Constitucional, que esixen o cumprimento da ordenanza tal e como está aprobada nestes momentos. O Alcalde salienta que “o lixo afecta ao conxunto da sociedade carballesa”, porque “ou pagamos 64 euros todas as vivendas habitables ou se incrementa considerablemente o importe para os residentes en vivendas ocupadas que xa están pagando agora”. Así mesmo, Regueira explica que “vir reiteradamente a un pleno a reclamar que non se pague o lixo parécenos unha situación ilóxica”, sobre todo “cando hai verdadeiros dramas arredor do tema da vivenda”.
O Alcalde tamén quere aclarar que as protestas a estas alturas non poden obter ningún froito porque os trámites necesarios para a modificación e aprobación dunha nova ordenanza impiden que puidera aplicarse para entrar en vigor o 1 de xaneiro de 2015. O pleno de outubro rexeitou a modificación da normativa tal e como está sendo aplicada nestes momentos, e xa que non é posible realizar ningún cambio para que entre en vigor antes de 2016, o Alcalde explica que o máis convinte é que, a estas alturas, sexa “a nova corporación a que fale da taxa do lixo nas vivendas” despois da súa nova constitución tralas eleccións municipais de 2015. Así mesmo, tanto Regueira como Ferrero quixeron lembrar que o servizo para 2015 segue a ser deficitario en 150.000 euros, polo que ou pagan todos os veciños e veciñas con vivendas habitables ou o custo deberá repercutir nuns poucos. “O que deixan de pagar uns, terano que pagar outros”, resalta Ferrero. Por último, o Alcalde quixo subliñar que “os plenos son públicos e os cidadáns están convidados a asistir, o que non poden é interromper aos seus propios representantes”, xa que a corporación reflicte os votos de toda a cidadanía carballesa e porque “a vida municipal non a poden paralizar persoas alleas á corporación”.











