O plan de renovación integral de rúas retoma os traballos en Sánchez Calviño e Venezuela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Servizos e Medio Ambiente do Concello de Ferrol, que dirixe Borja Carro Muñoz, informou das actuacións que realizaron durante a última semana nos barrios de Ultramar, Ensanche A, San Xoán, A Graña, A Magdalena, Esteiro, Santa Mariña e San Pablo dentro do programa de renovación integral de viarios e rúas, posto en marcha polo Goberno Municipal de Ferrol. Este plan de mellora da cidade permitirá dotar dun novo pavimento e sinalización máis dunha trintena de rúas do municipio ferrolán e conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros.

En concreto, as cuadrillas de operarios de Tragsa, a empresa encargada da execución deste programa, retomaron os traballos nas rúas Sánchez Calviño e Venezuela con labores de limpeza e saneamento do firme, trala finalización das obras de canalización acometidas por Fenosa nestes viarios de Ultramar. A previsión é comezar o aglomerado da nova pavimentación destas dúas rúas –eliminase o empedrado en Sánchez Calviño- o martes ou mércores da vindeira semana, se as condicións meteorolóxicas o permiten.

Así mesmo, durante esta semana realizáronse tarefas de recrecemento de tapas de fundición en Manuel Belando, Bertón e Casal dos Ovos, así como a colocación de bandas rugosas retiradas para o aglomerado de rúas en A Graña e San Pablo. Os operarios de Tragsa realizaron o marcado previo ao pintado e sinalización nas rúas Igrexa, Pontevedra, Pérez Villamil, Ministro Patiño e no tramo dende o túnel cara o casco urbano de A Graña.

E, por último, o servizo municipal de mantemento de infraestruturas –do que se ocupa a firma Misturas S.A- completou a reparación de diferentes beirarrúas en Esteiro e no Ensanche A, en concreto nos seguintes sitios: Españoleto, Soto, Avenida de Esteiro, Pontevedra e Cuntis. E o vindeiro luns, día 24, teñen en previsión a reparación das pedras do cruce entre as rúas Dolores e Concepción Arenal, no barrio da Magdalena.

21 de novembro de 2014 | 16:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.