O pequeno comercio galego aposta polo visual merchandising e as novas tecnoloxías
Preto de 40 comerciantes de diferentes sectores asistiron á xornada “Merchandising e escaparatismo: como atraer clientes”, organizada pola Factoría de Innovación da Coruña, promovida pola Escola de Organización Industrial (EOI) e a Deputación da Coruña; e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.
Ante a complicada situación á que se enfronta actualmente o pequeno comercio causada pola forte presión das grandes superficies, a ameaza crecente do comercio electrónico e a crise económica, a Factoría de Innovación da Coruña quixo ofrecer aos comerciantes galegos a posibilidade de coñecer novas técnicas de venda e comunicación que lles permitan reactivar as súas vendas.
A xornada abriuse cun relatorio de Alicia Fernández, consultora da Factoría de Innovación da Coruña, na que recomendou adaptarse sempre ás tendencias e aos gustos e necesidades dos consumidores, e apostar por unha estratexia de comunicación e mercadotecnia aliñada cos obxectivos de venda de cada negocio, facendo especial fincapé nas enormes posibilidades que ofrecen Internet e as Redes Sociais para ampliar o nicho de mercado.
Tras esta exposición, organizáronse catro grupos de traballo nos que expertos da Factoría de Innovación da Coruña explicaron distintas ferramentas para que os comerciantes poidan deseñar a súa propia cartelaría e que esta resulte atractiva; analizaron novas técnicas de venda e comunicación verbal e non verbal; deron a coñecer os aspectos craves para captar a atención dos clientes no interior dos establecementos, a través do visual merchandising; e presentaron diferentes propostas para realizar escaparates suxestivos. Nestes talleres os asistentes puideron pór en común as súas inquietudes e as súas dúbidas respecto da aplicación destas iniciativas nos seus negocios e recibiron asesoramento personalizado por parte dos consultores que dirixían cada un dos grupos.
Para poder comprobar a eficacia das técnicas analizadas anteriormente, a xornada clausurouse coa exposición do caso de éxito de Segredos de Galicia, unha compañía galega que coida minuciosamente a imaxe dos seus produtos e os seus puntos de venda para diferenciarse dos seus competidores.











