publicidade hoxe

O PCT Puertas de Galicia inaugura trece rutas cicloturísticas pola comarca de Verín-Monterrei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonterreiVerín
A-
A+

O salón de plenos do Concello de Verín acolleu na mañá de hoxe a presentación de trece rutas cicloturísticas na comarca de Verín-Monterrei, realizada por Antonio Augarón Turrientes, delegado de Turismo da Xunta en Ourense, Juan Manuel Jiménez Morán, alcalde de Verín e presidente da comisión de seguimento do PCT Puertas de Galicia, e Ignacio Fernández Dosil, xerente do PCT Puertas de Galicia.

A inauguración destas trece rutas cicloturísticas de Verín-Monterrei, na que participaron os alcaldes dos municipios integrantes do Plan de Competitividade Turística Puertas de Galicia e o xerente do Inorde, serven de complemento ao centro BTT Puertas de Galicia, posto en funciamento o pasado ano na comarca de Conso-Frieiras, e que permiten convertir ao territorio de Verín-Viana no destino cicloturístico con maior diversidade e calidade do oeste de España.

Calquera escusa é boa para coñecer a Comarca de Monterrei e con esta nova aposta invitar a veciños/as e visitantes a descubrir o lecer, cultura, natureza e gastronomía a golpe de pedal. A comarca de Monterrei soubo conservar intacto o seu extraordinario patrimonio e todo iso integrado nunha natureza que sorprende. Os trece itinerarios previstos revelan a historia desta terra que destaca polos seus castros, balnearios e fontes, lagares, Románico, montes e ríos, lendas e camiños. “Se existe algunha palabra que describa mellor ningunha estas comarcas é privilexio, o poder atravesar camiños e regatos, acompañar ao Támega no seu percorrido e as súas paisaxes en bicicleta ou camiñando é un deleite para os nosos sentidos”, indicou Jiménez Morán, “sen esquecer a nosa gastronomía, patrimonio histórico e natural”. Unha idea compartida por Augarón Turrientes que tamén engadiu que “son rutas con temáticas locais, é decir, tratan de unir o coñecemento do territorio coa práctica do deporte”.

Estas trece rutas cicloturísticas teñen unha señalización clara e un trazado circular que permite chegar ao mesmo punto de partida. As mesmas percorren todos os municipios da comarca de Verín-Monterrei, tendo cada unha delas unha temática e características específicas, pensada para todas as idades e condición física. Algunhas destas rutas son: Cañóns da Armada (27,9 quilómetros), Volta a Laza (6 quilómetros), Balcóns do Támega (46,5 quilómetros), Ruta Termal e da Auga (18,6 quilómetros), Vertixinosa volta ao Pozo do Demo (22,7 quilómetros), A ruta das viñas (12,3 quilómetros), O gran silencio do contrabando (25,8 quilómetros), Volta a Oímbra (6,3 quilómetros), As cores do viño. Ruta dos lagares (36,3 quilómetros), O país dos castros (39,3 quilómetros) e Corazón de pedra do Señor do Larouco (32,4 quilómetros). Ademais, destas trece rutas cicloturísticas realizouse unha ruta de enlace co punto de información do centro BTT en Riós (que iníciase na de O gran silencio do contrabando e conclúe neste centro de bicicletas de montaña). Todo co obxecto de percorrer as dúas comarcas, unha a través de rutas BTT e outra cicloturísticas (bicicleta e a pé), e unir o xeodestino       Verín-Viana nunha rede de rutas con máis de 500 quilómetros sinalizados.

Devanditas rutas da comarca Verín-Monterrei poden consultarse tanto na web www.rutascicloturisticasverin-monterrei.com (onde se poderán descargar os tracks das mesmas), así como nos 10.000 folletos editados sobre as mesmas (atópanse nos edificios públicos dos diferentes municipios). Ademais, e co fin de impulsar esta iniciativa deportiva, no Complexo Deportivo de A Granxa pódense alugar bicicletas e cascos para realizar calquera destas 13 rutas cicloturísticas (o horario de atención ao público é de 10 a 13.30 e de 16 a 23 -desde luns a venres-, de 09.30 a 13.30 e de 16 a 20 -sábados- e de 09.30 a 13.30 horas -domingo-. O teléfono de contacto o 988-411226, e o prezo de aluguer é de 5 euros por bicicleta e dous euros por casco).

O centro BTT Puertas de Galicia conta cun total de 244 quilómetros, divididos en doce rutas sinalizadas, nove circulares e tres de conexión entre elas: Carballeiras, Os Castros, Encoro do Vao, As Telleiras (estas destinadas a afeccionados, familias os grupos de amigos), Valmedo, Riós-Barxa, Pena Maseira, Tres Reinos, A Gudiña-Entrecinsa, Val do Río Conso, Vilariño de Conso-Viana do Bolo e A Escrita (para os máis expertos). Este centro conta con dous puntos de acollida -na zona norte e na zona sur- onde se ofrecen servizos de aluguer e lavado de bicicletas, vestiarios, duchas así como toda a información referente ao nivel de dificultade das rutas, os seus percorridos e a súa sinalización. A zona norte ten o seu punto de acollida na Casa da Cultura de Viana do Bolo, ademais dun punto de información en Vilariño de Conso. Pola súa parte, a zona sur dispón dun punto de acollida na Casa da Viúva de A Gudiña e dous puntos de información en Riós e A Mezquita.

O Plan de Competitividade Puertas de Galicia está promovido por Turespaña, Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia e once municipios (Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós, A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso), integrados na Asociación de Municipios para o Plan de Competitividade Turística das comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras, e a Asociación de Empresarios de Turismo e Hostalería Puertas de Galicia. Entre os obxectivos deste plan están a busca de especialización tanto no destino como no produto, deseñar unha oferta capaz de introducir a experiencia turística como elemento motivador da viaxe, así como a busca da mellora da competitividade das PEMES e MPEMES turísticas para lograr a sostenibilidade do territorio.

5 de novembro de 2014 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.