O Partido Popular celebra a desimputación de Rey Varela
O voceiro do PP galego, Miguel Tellado, mostrouse “feliz” e celebrou a retirada provisional da imputación do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, na ‘Operación Pokémon’, investigación en que fora identificado co pseudónimo ‘Josman’ por parte de Vixilancia Aduaneira e como interlocutor con dirixentes da empresa Vendex -unha das principais implicadas na suposta trama-.
Aproveitando o debate dunha moción na que o BNG pedía a información sobre a suposta trama de corrupción dos cursos de formación incluídos na ‘Operación Zeta’, Miguel Tellado comezou a súa intervención asegurando que foi unha “pena” que BNG e AGE non respectasen a “presunción de inocencia” e “pedisen directamente a dimisión” do rexedor da cidade departamental.
“E quero que aproveiten este pleno para pedirlle desculpas”, sinalou o tamén ferrolano Miguel Tellado, quen advertiu que “por enriba do lodazal en que (os grupos da oposición) queren converter Galicia, están as persoas”.











