O ORAL recadou 74 millóns de euros correspondentes a 915.867 recibos e liquidacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O servizo de xestión tributaria da Deputación de Pontevedra (ORAL) recadou no que vai de ano un total de 74 millóns de euros para os 54 concellos adheridos ó servizo. Esta cifra correspóndese ós 915.867 recibos e liquidacións xestionados entre o 1 de xaneiro e o día de hoxe.

Deles, 64.426 valores corresponden ós sete concellos da comarca de Pontevedra que teñen a xestión tributaria delegada no ORAL e nos que, en conxunto, se recadaron 5.435.325,78 euros.

O 84 % do recadado na área de Pontevedra fíxose no período de pagamento voluntario, no que se ingresaron 4.562.145,02 euros, mentres que o 16 % restante foi en vía executiva.

En canto ó tipo de valores xestionados, nos sete concellos da comarca adheridos ó ORAL (Barro, Campo Lameiro, Cotobade, A Lama, Vilaboa, Poio e Ponte Caldelas) cobráronse 3.627 liquidacións por un importe total de algo máis de 700.000 euros, mentres que o groso da recadación (4.733.371,47 euros) se realizou por medio de 60.800 recibos.

Datos 2013

En 2013 a recadación total na provincia ascendeu a 110,1 millóns de euros correspondentes a 1.160.593 recibos e liquidacións.

Deles, 78.227 pertencen ós concellos da comarca de Pontevedra, que en conxunto recadaron case 8 millóns de euros. Tamén no exercicio 2013 a gran maioría do recadado se fixo en voluntaria, período no que se ingresaron máis de 6,9 millóns de euros, máis do 86 %.

18 de novembro de 2014 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.