O ORAL anticipoulles 60 millóns de euros ós concellos no ano 2013
O Organismo de Recadación e Arbitrios Locais (ORAL) da Deputación de Pontevedra anticipoulles no ano 2013 máis de 60 millóns de euros ós 54 concellos adheridos a este servizo e recadou, de padróns e liquidacións, 95 millóns de euros en voluntaria e 15 en executiva.
Os datos fíxoos públicos hoxe o presidente da Deputación, Rafael Louzán, no curso dunha rolda de prensa na que explicou que, segundo os datos de peche do ano pasado, o ORAL atendeu 94.343 dúbidas dos contribuíntes formuladas vía telefónica (21.402), por correo electrónico (983) ou de xeito presencial (71.958).
O ORAL xestiona os tributos e taxas de 59 entidades (54 concellos, 2 mancomunidades, 2 consorcios e 1 entidade local menor). Esa xestión abarca as recadacións voluntarias e en executiva de 59 entidades locais, a xestión catastral de 45, a inspección tributaria de 54 e as sancións de tráfico de 22 entidades locais.
O ano pasado o organismo da Deputación de Pontevedra emitiu 1,9 millóns de recibos (1,3 en voluntaria e 600.000 en executiva).











