O Museo Municipal de Ourense acolle a exposición “Posesións para un esquecemento”, a primeira do festival Outono Fotográfico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Museo Municipal acolle desde hoxe a exposición Posesións para un esquecemento, do artista Daniel Díaz Trigo. Esta obra se enmarca dentro do festival Outono Fotográfico que neste 2014 alcanza a 32 edición, e está galardoada co I Premio Galicia de Fotografía Contemporánea.

Na presentación estiveron acompañando ao artista, a concelleira de Cultura, Ana Garrido, a directora dos espazos expositivos municipais, Eva Torres, e o coordinador do Festival Vítor Nieves. As fotografías poderanse visitar ata o vindeiro domingo 30 de novembro.

Posesións para un esquecemento é un proxecto no que Díaz Trigo traballou máis de sete anos. Nel mestura o peso documental implícito desde o nacemento da fotografía, coa plasticidade e conceptualidade que o medio acadou co paso ao eido das grandes artes. A exposición pretende pór de manifesto unha harmónica conxunción entre memoria colectiva e íntima, un paseo pausado polas lembranzas e o esquecemento, mais tamén polo seu territorio, acoutado nuns poucos quilómetros. O autor presenta o resultado da teima pola compilación de lembranzas que materializa en forma fotográfica para que non sufran o abandono na memoria persoal, e no maxín colectivo e institucional.

4 de novembro de 2014 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.