O Museo de Pontevedra conmemora os dez anos do pasamento de Carlos Bóveda cunha antolóxica da súa obra
A Deputación conmemora o décimo aniversario do pasamento de Carlos Bóveda cunha exposición que se inaugurará mañá no Museo de Pontevedra e na que se recollen desde mostras das súas primeiras obras ata as súas últimas producións.
Baixo o título “Entre cores e soños” a exposición abrirase ó público mañá, ás 20:30 h, na sala de exposicións do Sexto Edificio do Museo, onde permanecerá aberta ata o 7 de decembro.
Durante unha visita á montaxe da exposición, a deputada Ana Isabel Vázquez destacou que esta quere ser “unha homenaxe do Museo de Pontevedra e da Deputación a un dos grandes artistas da plástica galega, xusto cando se cumpren 10 anos do seu pasamento”.
Por iso agradeceu a disposición da familia á hora de ceder as pezas que conforman “Entre cores e soños” para que todos os veciños e visitantes teñan ocasión de achegárense a un autor que, malia ser padronés e pasar 40 anos da súa vida en Bos Aires, “garda unha gran vinculación coa provincia de Pontevedra”, na que deu os seus primeiros pasos como artista traballando como deseñador en Cerámicas Celta.
Pintura, debuxo e cerámica
A mostra preséntase como unha antolóxica do autor, na que se poderán contemplar desde deseños en cerámica ata pintura, debuxos e unha vaixela de Capeáns.
En total son máis de 70 pezas nas que o visitante poderá coñecer desde as pinturas máis escuras dos seus primeiros anos ata as máis coloristas e figurativas das etapas posteriores, pero sempre con Galicia como “musa omnipresente”.
A deputada Ana Isabel Vázquez recalcou que a obra de Bóveda –moi próxima á doutros autores da plástica galega coma Maside, Asorey, Castelao ou Laxeiro, con quen garda semellanzas moi marcadas– é “un canto ás xentes, ás paisaxes, ós oficios, á alma de Galicia, que o acompañou ó longo de toda a súa vida” e que se pode percibir nos 41 cadros, 15 debuxos de formato cadro, 6 pequenos debuxos de humor e 6 cerámicas que se expoñen en “Entre cores e soños”.
A exposición está composta de obras cedidas para tal fin pola familia, a excepción de dúas cerámicas que son do propio Museo de Pontevedra.











