O Monte Real Club de Iates acolle a final do Campionato de España de Cruceiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaDeportesDeportes Portada
A-
A+

O Monte Real Club de Iates de Baiona acollerá este fin de semana o Trofeo Pobos Colombinos de España, do que sairá o gañador do Campionato de España de Cruceiros por zonas marítimas.

Trátase dun título ao que aspiran as cinco embarcacións que resultaron gañadoras nos campionatos de zona celebrados, ao longo deste 2014, en distintos puntos de España.

Na Zona Cantábrica subiuse ao podio o Salem, de Carlos Marton; na Andaluza gañou o Icue IV, de Carlos Sáez; e o Canarias Explosivo, de Lucio Pérez, impúxose na Zona Canaria. Nas zonas Atlántica e Mediterránea fixéronse coa vitoria dous barcos galegos, os Aceites Abril, de Luís Pérez Canle, e o Movistar, de Pedro Campos.

A estas cinco tripulacións uniráselles, na final do campionato, unha sexta elixida polo club anfitrión. Será a formada polo equipo da medallista olímpica Sandra Azón, recente gañadora do Trofeo Ladies Cup do Monte Real Club de Iates.

As probas desenvolveranse os días 15 e 16 en augas da bahía de Baiona, e os equipos participantes competirán en igualdade de condicións. Sairán ao mar en barcos idénticos, seis FirstClass Fígaro cedidos polo club baionés para a ocasión.

A final do Campionato de España de Cruceiros que se celebrará no Monte Real Club de Iates está organizada pola Real Federación Española de Vela e conta co patrocinio do Concello de Baiona e Pobos Colombinos de España.

11 de novembro de 2014 | 12:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.