O magosto do San Martiño repartirá mil quilos de castañas na Praza Maior de Ourense
O cambio de tempo deste últimos días, serve para anunciar xa a chegada dun dos festexos grandes para a nosa cidade no outono. Trátase do Magosto, Festa de Interese Turístico, que o martes día 11 – festivo na cidade – organiza o Concello na Praza Maior.
A xornada comezará cun concerto ofrecido pola Banda Municipal de Ourense ás 12 h na Praza de San Martiño. Pola tarde, as actividades comezarán a partir das 18 h coa venda da consumición composta por bolo preñado, ración de castañas e auga ou viño. Serán en total uns 1.000 kilos de castañas, 2.000 bolos preñados – haberá para celíacos -, e 400 litros de viño. Amenizando esta festa, desde as 18 h haberá na Praza Maior animación para os máis pequenos, e desde as 19 h está programada ambientación musical tradicional polas rúas da cidade vella.
A maiores deste e outros magostos nos barrios da cidade, son moitos os ourensáns que tamén se desprazan ata os montes do contorno para facer as fogueiras e pasar o día de festa. Para iso, o Concello ten habilitado uns modelos de solicitude nos cales se indican as precaucións que se deben tomar para que todo transcorra con total normalidade. Estas instancias tamén inclúen os teléfonos de urxencia ante calquera incidente que puidese acontecer.
Elaboración de xoguetes con recursos ambientais
Este ano, aos tradicionais Magostos únese unha actividade da Concellería de Medio Ambiente, na que os nenos e as nenas participantes aprenderán a aproveitar os recursos do parque de Montealegre para elaborar xoguetes.
Así, este domingo a partir das 11 horas os nenos e as nenas que o desexen poden asistir gratuítamente a esta actividade, na que tomarán un papel activo para aproveitar os recursos ambientais como castañas e bellotas e confeccionar os seus adornos. Finalmente, rematarán a actividade cun xogo moi especial.











