O IV Encontro de Conservación e Restauración terá as reproducións como eixe central

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

240 persoas participan desde hoxe no IV Encontro de Conservación e Restauración, impulsado pola Deputación de Pontevedra e a Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. Un foro único no noroeste peninsular “onde as persoas que teñen nas súas mans a conservación do noso legado histórico-artístico poden intercambiar coñecementos, poñer experiencias en común e afondar nas últimas novidades da súa profesión”.

Así o subliñou no acto inaugural a deputada Ana Isabel Vázquez Reboredo ó valorar a grande acollida que, desde os seus inicios, ten este encontro. Un ano máis, completáronse as prazas ofertadas e incluso houbo solicitudes de participación que non puideron ser atendidas por estar o aforo cheo.

Este éxito fai que a Deputación e a Escola de Restauración teñan xa a vista posta na quinta edición porque, tal e como indicou a deputada, “quedan aínda moitas materias por abordar” e a continuidade do foro está garantida.

As réplicas na conservación do patrimonio

Esta edición ten as reproducións artísticas como fío condutor e, baixo o lema Moldes, réplicas e patrimonio, abordará as funcións, historia e técnicas da reprodución de obras de arte.

Nesta primeira xornada, expertos da talla de Alberto Campano Lorenzo, do Museo Nacional de Reproducións Artísticas, ou Victor Hugo Borges do Victoria & Albert Museum, afondaron no relevante papel das copias na difusión e conservación do patrimonio.

Pola tarde, Carmen Gómez Feito, Natalia Cortón Noya e María Varela Martínez, conservadoras e restauradoras de Rock Art Conservation, S. L., afondarán na “Función das reproducións no ámbito da restauración. Aplicacións prácticas da realización de reproducións enfocadas á protección do patrimonio cultural”, para pechar a xornada coa intervención do director do Museo Nacional e Centro de Investigación de Altamira, J. A. Lasheras, que exporá a experiencia do proxecto museolóxico da reprodución de Altamira, co que se pretende que a poboación poida coñecer este formidable recurso sen o risco de danar as covas orixinais que supón o turismo masivo.

O encontro continuará ata o 21 de novembro coa presenza de numerosos expertos ós que a deputada Ana Isabel Vázquez agradeceu a súa presenza en Pontevedra para seguir avanzando na protección, difusión e conservación do patrimonio.

Colaboración

Neste sentido, incidiu no papel da Deputación como motor cultural e na súa colaboración coa Escola de Restauración, subliñando que “tendo nesta cidade unha Escola de Restauración e Conservación de Bens Culturais e tendo a Deputación o maior centro cultural da provincia –o Museo de Pontevedra–, a colaboración non era xa unha opción, senón unha obriga”.

De aí que, máis alá da colaboración nas prácticas do alumnado e na propia restauración de pezas do Museo, se puxese en marcha este encontro “coa finalidade de darlle resposta a unha carencia detectada no noroeste peninsular”, a ausencia de foros destas características.

“Aí radica –concluíu– o éxito desta iniciativa, á que estou convencida de que lle queda aínda un longuísimo percorrido por diante, porque a conservación da nosa historia é algo que sempre debe interesarnos”.

19 de novembro de 2014 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.