publicidade hoxe

O investimento da Xunta no parque empresarial de Begonte impulsa a actividade económica do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBegonteLugo
A-
A+
Francisco Conde na visita a Begonte

Francisco Conde na visita a Begonte

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe as instalacións do parque empresarial de Begonte, onde subliñou o apoio que está a prestar a Xunta aos concellos co obxectivo de favorecer o seu desenvolvemento económico e social. Neste sentido, Conde resaltou o investimento da Xunta neste polígono municipal co obxectivo de “impulsar a actividade económica” e “achegar aos cidadáns as mellores condicións de vida”.

O conselleiro visitou o parque empresarial de Begonte tras manter un encontro cos empresarios municipais no que puido coñecer “os proxectos e inquedanzas” dunha “vila moi dinámica desde o punto de vista da actividade económica industrial”.

Durante a visita, na que estivo acompañado polo alcalde, José Ulla Rocha, e pola delegada territorial, Raquel Arias, avogou por “seguir traballando en colaboración cos concellos nos diferentes proxectos vinculados tanto cos parques empresariais, como cos investimentos en mercados e prazas ou coa iluminación pública exterior”. Neste sentido, a Consellería de Economía e Industria ten mobilizado nos últimos 6 anos preto de 3,5 millóns en Begonte a través de distintos programas e actuacións.

Así, a través do programa para a habilitación e mellora dos parques empresariais, destináronse este ano 120.000 euros –o 80% do custo total- á mellora da vía de acceso ao polígono da localidade. Unha actuación que, como apuntou Conde, permitiu habilitar unha beirarrúa que facilita a comunicación co parque empresarial e incrementa a calidade de vida dos cidadáns. Estes traballos, que se suman ás obras de pavimentación levadas a cabo hai 2 anos, contribúen á conservación do polígono en beneficio do tecido produtivo da comarca.

Neste sentido, cómpre salientar que desde o 2009 o Goberno galego ten impulsado, a través desta orde, máis de medio cento de proxectos na provincia, colaborando na mellora das infraestruturas empresariais de 36 concellos lucenses. Desta forma, e como apuntou o conselleiro, o Goberno galego impulsa o mantemento e creación de emprego e á mellora da competitividade empresarial.

Así mesmo, a aposta pola cooperación municipal ten facilitado tamén, a través de distintos programas promovidos pola Consellería, a implantación de proxectos empresarias que contribúen á fixación de tecido na comarca ou a aposta polas fontes renovables para mellorar a competitividade da industria.

11 de novembro de 2014 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.