O Igape destaca o impulso a todo o ciclo emprendedor
O director xeral do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe o poio integral do Goberno galego a todo o ciclo emprendedor, desde a primeira idea e o deseño do plan de negocio ata os primeiros meses da compañía, co obxectivo de “que ningunha boa idea quede sen financiamento” na comunidade. Aguilera participou hoxe na Coruña na apertura do II Foro Designing Future, onde salientou que a Consellería de Economía e Industria está a ampliar e reforzar o apoio aos emprendedores galegos co impulso aos servizos ofrecidos pola Unidade Galicia Emprende e as medidas recollidas na Lei do Emprendemento e da Competitividade de Galicia.
En concreto, o director do Igape referiuse á ampliación do Fondo Galicia Emprende, que contará con 5 millóns de euros para financiar novos proxectos, e á próxima creación da Rede Galega de Investidores Privados, como plataforma para facilitar a confluencia e a mellor coordinación de recursos públicos e privados, facilitando o cofinanciamento de novas empresas.
Tamén lembrou que se está a reforzar a Rede Galega de Mentores, integrando a xestores expertos que colaboran de modo altruísta para impulsar o crecemento das novas empresas de cara a apoiar a súa consolidación e a internacionalización, e adiantou a creación dunha rede de viveiros para facer posible que emprendedores que o precisen atopen un aloxamento inicial axeitado para as súas necesidades.
Aguilera Navarro recoñeceu, por outra banda, a relevancia de foros e encontros como Designing Future, que facilitan o contacto directo entre os emprendedores e os investidores particulares con capacidade para facilitar a conversión das boas ideas en proxectos empresariais. Neste sentido, convidou a potenciais investidores privados a participar –previa inscrición a través de Xesgalicia– no I Foro de Investimento Galicia Emprende impulsado pola Consellería de Economía e Industria, que se desenvolverá en Santiago o próximo 9 de decembro co obxectivo de apoiar o financiamento de dez proxectos emprendedores xa preavaliados.











