O IES de Mos acolle unha charla sobre motivación e técnicas de estudo destinada aos pais de alumnos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A concellería de Educación e Participación Cidadá do Concello de Mos que dirixe a edil Kely Monzón organiza, en colaboración coa Asociación de Nais e Pais de Alumnos do Instituto e enmarcada dentro da iniciativa “Contigo na Educación”, unha charla titulada “Motivación e técnicas de estudo, como axudar no reforzo educativo”, que se realizará o próximo venres, 7 de novembro, nas instalacións do propio IES de Mos, ás 19.30 horas.

O programa “Contigo na Educación” oferta ó longo do curso escolar charlas formativas-divulgativas, destinadas a ofrecerlles ós pais e nais un recurso que lles sirva de apoio e soporte.  A principal  finalidade é contribuír a optimizar a educación dos rapaces facendo partícipes no proceso ás familias, que son, por outra banda, parte fundamental nel.

Respecto desta iniciativa a edil responsable da mesma, Kely Monzón, explica que “moitas veces os/as escolares atópanse con contradicións ou diferenzas entre o que traballan nas clases e o que viven nos fogares. É importante que toda a comunidade educativa traballe na mesma dirección. Canto mellor sexa a formación dos diferentes axentes educativos, máis completa e de maior calidade será a educación dos nenos e nenas. Investir na formación dos pais e das nais é investir na mellora da educación da sociedade futura, é traballar polo futuro”, declarou a concelleira.

En definitiva, a principal finalidade deste programa é fomentar a educación completa e óptima dos mozos e mozas mosenses facendo partícipes da mesma ás súas familias para poder traballar dende tódolos ámbitos e nunha mesma dirección co obxectivo de formar persoas íntegras e capacitadas.

5 de novembro de 2014 | 20:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.