publicidade hoxe

O IEM inaugura a mostra fotográfica “I T I N E R A N C I A (S)”, de SantiVega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomar
A-
A+

Continuando co calendario exposicións de arte na Aula de Cultura Ponte de Rosas, temos o agrado de convidarvos á inauguración de “ITINERANCIA(S)”, unha selección de traballos de fotografía de gran e pequeno formato da colección autoría de SantiVega. Será o vindeiro venres 28 de novembro ás 20:30 horas na Avenida da Feira Nº10, baixo Gondomar.

A colección de SantiVega vén de ser seleccionada pola Fundación AENA para o seu catálogo de fotografía 2014, no marco do Premio Nacional que outorga a institución. Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, dende o 2012 a súa obra forma parte da galería AboutArt de Pontevedra. Para os miñoranos e miñoranas, a figura de Santi é moi próxima pois exerceu ata hai pouco o sacerdocio ao fronte das igrexas parroquiais deCamos, Priegue e Parada, onde acolleu xeiras e eventos organizados polo IEM no eido da difusión do patrimonio cultural. Ademais, é un activo colaborador e participante das actividades da nosa asociación. Na actualidade exerce como crego da igrexa O Rociode Coia.

O acto inaugural contará coa presentación do seu traballo e traxectoria a cargo doutro membro da casa, o artista plástico Fernando Casás, así como dos coordinadores da Aula, os compañeiros Antonio Soliño Troncoso e Fino Lorenzo. Rematado o coloquio, compartiremos co artista un xeitoso viño das Bodegas Terras Gaudas, e unhas gorentosas roscas da Panadería Copena de Gondomar, entidades amigas e fornecedoras da sala de exposición.

27 de novembro de 2014 | 11:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.