O IEM comeza a recollida de topónimos na parroquia de Panxón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomar
A-
A+

Os cambios económicos, sociais, urbanísiticos e doutra índole están provocando unha perda exponencial dos nomes do noso mundo. Unha perda de patrimonio, unha perda de cultura e identidade. Nese senso, o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) e o Instituto Primeiro de Marzo de Baiona, asinaron un convenio para que a alumna Beatriz Pérez González, do ciclo de animación sociocultural, levara a cabo as súas prácticas. O traballo conxunto consiste na recolleita dos topónimos – nome dos lugares- da parroquia de Panxón.

O proxecto de carácter multidisciplinar inclúe entrevistar mulleres e homes de certa idade que traballaran no mar e na terra e coñezan os seus nomes. Baleirar as fontes documentais dos distintos arquivos que acheguen os nomes de Panxón a través da historia. Recoller tamén as historias da terra: “As bruxas de Gaifar, os naufraxios, o esbarrullamento do Monumento, o campo de traballos forzados de Monteferro…”

Os avances e resultados deste traballo se farán públicos a través do web oficial do IEM (www.minhor.org). O proxecto tamén abrangue a realización de exposicións e visitas guiadas terrestres e en barco. Tanto para escolares como para o público en xeral.

A toponimia de Panxón vai facer sentirse orgullosos os seus habitantes pola riqueza que teñen e vai producir un libro que diga A Xermaña leva centos de anos chamándose así e que as acumulacións enormes de area en Panxón chámanse fenales e os montes máis pequenos moutillóns e quizais noutro tempo madorras”, sinala o arqueólogo Xosé Lois Vilar, coordinador do proxecto.

11 de novembro de 2014 | 12:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.