O Hospital do Salnés avanza nas xestións loxísticas previas ás obras
O Hospital do Salnés continúa a avanzar nas xestións loxísticas previas ao inicio das obras de ampliación do centro sanitario que a Consellería de Sanidade ten planificadas para potenciar a súa capacidade asistencial na comarca arousá.
Neste sentido, durante a mañá de hoxe, o xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, Jose Manuel González Álvarez, acompañado de diversos directivos da Xerencia, espuxo en sendas xuntanzas mantidas cos xefes de servizo e supervisores e coa xunta de persoal as liñas xerais dun novo plan técnico de circulación interna.
Dita planificación técnica contempla un estudo pormenorizado dos circuítos provisionais de circulación interior no actual edificio hospitalario, que se prevé aplicar durante as sucesivas fases da obra de ampliación.
Segundo quedou patente hoxe no Hospital do Salnés, o plan de circulación interna pretende minimizar ao máximo o impacto do desenvolvemento da obra na actividade asistencial cotiá.
Proceso administrativo a piques de rematar
Paralelamente, a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia está a piques de rematar o proceso administrativo e técnico que desembocará a finais do presente ano 2014 na adxudicación do proxecto e, posteriormente, no inicio da ampliación, coas primeiras iniciativas técnicas e constructivas sobre a actual infraestrutura hospitalaria do centro de Ande-Rubiáns.
Cómpre lembrar que a ampliación do Hospital do Salnés abrangue a cinco áreas hospitalarias, que representan unha superficie asistencial de 4.157 m2 (dos cales uns 2.700 son do novo edificio e uns 1.400 serán obxecto de reforma), e permitirán aplicar os avances das novas tecnoloxías sanitarias ao novo bloque cirúrxico, á nova área de Urxencias e ao bloque obstétrico.











