O grupo Gargallada representa “O anel máxico” no Centro Cívico de Caranza
A programación de novembro do ciclo de teatro afeccionado “Domingos a Escena”, da Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, continúa este domingo día 9 coa actuación do grupo de teatro Gargallada. A obra “O anel máxico” dará comezo ás 19:00 horas no Centro Cívico de Caranza e será gratuíta.
Esta comedia de enredo ten como fío condutor un anel máxico que provoca o esquecemento a quen o leva posto. Tres cartas de amor que chegan ás mans equivocadas e un morto ausente que non aparece por ningures, axudarán a enredar o nobelo. Oito personaxes clásico da Commedia dell´Arte que entran e saen de escena sen dar descanso ao espectador xunto coa presenza do gran Goldoni tentando poñer un pouco de cordura entre tanta tolemia.











