O Grupo Eixo revive no Museo de Pontevedra para amosar a Galicia da memoria colectiva

Grupo Eixo revive no Museo de Pontevedra
O Grupo Eixo, que nos anos 80 do pasado século reuniu a pintores pontevedreses co obxectivo de traballar xuntos para dar a coñecer por toda España a arte que se facía na nosa provincia, revive estes días no Museo de Pontevedra coa mostra De onte a hoxe: Catro pintores en Pontevedra, que recolle 60 obras de catro membros deste grupo.
A deputada Ana Isabel Vázquez visitou esta mañá a mostra, acompañada do comisario desta, José Curt, dos pintores Arturo Cifuentes e Ricardo Ferreiro e das viúvas de Roxelio Lorenzo e Bieito M. Vázquez, Teresa del Pilar Abilleira Dios e Josefa Chico Vázquez, respectivamente.
No transcurso da visita incidiu en que é a primeira vez que o Museo de Pontevedra acolle a obra destes pintores pontevedreses, que retrataron Galicia da mellor maneira posible: inspirados “no amor á nosa terra, ós nosos costumes” e cunha “gran paixón pola pintura”.
O Museo cumpre, así, “un labor didáctico pero tamén divulgativo”, dando a coñecer a obra de catro artistas que crearon e se inspiraron en Pontevedra e que, ademais, puxeron todo o seu empeño e ilusión en difundir fóra de Galicia a arte nacida aquí.
Catro formas de ver Galicia
Xurdiu así, en palabras de José Curt, “unha pintura que é verdade, unha pintura con mensaxe”, na que se percibe a xente e os costumes dunha Galicia “que ten o valor engadido de que xa non está, de que xa desapareceu –afortunadamente porque aquela era unha Galicia pobre– pero que é aínda próxima, que aínda está viva na memoria de moitos”. E xunto a esa vida e costumes está a paisaxe galega, o seu verde, o seu mar, o seu campo, perfectamente vivo e vigoroso, que se reflicte tamén na pintura do Grupo Eixo e na mostra que se abrirá ó público mañá e que se poderá visitar ata o 12 de xaneiro.
Esa pintura, que retrata a xente do mar e do campo, “ás viúvas cos panos negros na cabeza”, é “unha pintura que nunca envellecerá”, porque forma parte da memoria colectiva de Galicia, que os pintores que agora expoñen na sala de exposicións temporais do Sexto Edificio souberon captar con todo detalle.
Así, tal e como sinala o comisario da mostra, a obra de Roxelio Lorenzo Rodríguez (nacido en Salvaterra de Miño en 1921 e falecido en Pontevedra, en 2003) é “unha pintura romántica, costumista, amable, histórica”, na que se reflicten os costumes e oficios da Galicia agraria e mariñeira: os rapaciños na escola, a rosquilleira e a pescantina, a queimada, a cinzarrada, a noite de San Xoán, fadas e trasgos, aquelarres e as feiras coas súas muiñeiras.
Bieito Martínez Vázquez, nacido en Bora en 1925 e falecido en Castelló de la Plana en 1998, ten como eixe central da súa obra o retrato, a imaxe expresiva daquelas “viúvas de vivos que lle doían a Rosalía”.
Arturo Cifuentes Pérez (Ávila, 1934) puxo a súa mirada na natureza viva de Galicia, na súa paisaxe, igual que Ricardo Ferreiro Silva, (Dozón, 1952), pero desde perspectivas diferentes. Mentres que Cifuentes o fai desde a visión xeral, Ferreiro céntrase máis no detalle, “no retrato espiritual das herbas e das flores franciscanas, algunha delas sen nome de tan modestas que son” pero que, en palabras de Curt, “Ferreiro pintou coa maxia das fadas”.











