publicidade hoxe

O Grove celebrará o vindeiro domingo 9 de novembro o VIII Encontro dos Maiores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+

A Concellería de Cultura e Terceira Idade e a Asociación de Xubilados e Pensionistas do Grove (AXUPEN) organizan o vindeiro domingo 9 de novembro á oitava edición do Encontro dos Maiores do Concello do Grove, unha xornada de homenaxe aos grovenses e ás grovenses de maior idade que terá como acto central un multitudinario xantar de confraternidade no Gran Hotel da Illa da Toxa, ofrecido a un prezo de 33 euros por persoa grazas ás empresas que colaboran no evento.

Este Encontro, verase complementado por un amplo programa de actividades, segundo informou o concelleiro Carlos Otero, quen convida a todas e todos os xubilados e pensionistas da vila a participar nun evento que vai a reunir a case 300 persoas neste emblemático hotel da Illa da Toxa.

O responsable de Cultura e Terceira Idade tamén quixo efectuar un recoñecemento público ás empresas que colaboran con este Encontro dos Maiores cunha contribución económica, achegando os produtos cos que se elaboran os diferentes pratos ou doando os agasallos que serán sorteados entre as persoas asistentes. Neste senso, Otero salientou que ofrecer un completo menú a un prezo accesible nun dos referentes hoteleiros de Galicia non sería posible sen a implicación do Gran Hotel, Deputación de Pontevedra, Insuíña, Rodrimar, Lagar de Pintos, Amegrove, Acuario do Grove, Laxe de Rons, Cruceiros do Ulla, Conservas Isabel, Barlovento, Prefabricados Dena, Todogrove Edicións, Lume Cociña e Baño, Begano Coca-Cola, Hostelco, Frigrove S. L.

Grazas á colaboración destas empresas, os asistentes a este VIII Encontro dos Maiores poderán degustar o vindeiro 9 de novembro un menú composto por: mexillóns guisados, empanada de xiba, croquetas de marisco e polbo á feira a modo de entrantes, ameixas á mariñeira, lombos de atún á caseira, timbal de tenreira con patacas ao forno e verduras salteadas e pastel de crema con froitos roxos como sobremesa; ademais de café e infusións, lambetadas, viños das denominacións de orixe Rías Baixas e Ribeira Sacra, cava e queimada.

Amplo programa de actos

Ao igual que en edicións anteriores, este xantar de confraternidade verase complementado por un variado programa de actos que arrincará ás 12.30 horas do domingo 9 coa recepción dos participantes nos xardíns situados diante da Capela das Cunchas da Illa da Toxa.

Neste emprazamento desenvolverase, á unha da tarde, unha misa solemne, cantada pola Coral Polifónica do Centro da Terceira Idade AXUPEN. Rematada á cerimonia, as persoas asistentes poderán gozar das actuacións de baile e música tradicional que ofrecerá no entorno a asociación cultural Paradanda-Mecos.

Xa ás 14.30 horas, Haberá unha presentación audiovisual da man do técnico municipal, Francisco Meis Durán na que falará do paso dos distintos alcaldes que gobernaron no Grove. Sentados nas mesas e gozando dun xantar que estará amenizado polo grupo de acordeóns Rías Baixas

Rematado o xantar cunha gran queimada, o Encontro continuará, ás 17.00 horas, farase un recoñecemento a maior e o maior de mais idade, asistentes ao Xantar. Entrega de premios e agasallos entre os comensais e coa actuación do grupo de Pandereteir@s do Centro da Terceira Idade, que dirixe Alberto García.

A este profesor e gaiteiro e ao propio concelleiro Carlos Otero, que é ademais director da coral de AXUPEN, corresponderalles tamén poñer música á interpretación coral do Himno Galego coa que se porá peche ao acto. Pero non a xornada, posto que o Encontro continuará cun baile a cargo do grupo: Sol-Aguin.

7 de novembro de 2014 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.