O Goberno local presenta o libro «Oleiros, A Forza dun pobo»
O Concello de Oleiros presentou esta mañá unha publicación que recolle a historia do municipio ao longo da actual etapa democrática. Baixo o título Oleiros, A Forza dun pobo, o libro narra a historia municipal desde 1976, en plena Transición e cando aínda non estaban constituídas as corporacións locais, ata xuño deste ano 2014. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, encargado de presentar ante os medios esta interesante obra, sinalou durante a súa intervención que «a motivación do Concello para realizar este traballo foi principalmente a importancia da Memoria e de Historia para entender o presente e elixir o futuro». «O libro é unha memoria gráfica para os que non viviron parte deste período e un recordo para aqueles que formaron parte este», resaltou. Ademais, a obra pretende ser un recoñecemento e un apoio a movementos e persoas que loitaron e seguen loitando por un mundo máis xusto.
O Concello imprimiu un total de 15.000 exemplares dos que entregará en man ao redor de 12.500 en cada un dos domicilios oleirenses. A dita entrega comezará a efectuarse ao longo da próxima semana. Naqueles domicilios onde non se pode entregar deixará unha carta indicando aos destinatarios a que dependencias municipais poden acudir para recollelo. O custo da unidade desta publicación foi de 1,56 euros. Nel figura a totalidade das corporacións desde 1979 ata 2014 e resáltanse os acontecementos públicos máis importantes da vida social así como os principais logros da cidadanía. Logros alcanzados en materias como educación, sanidade, instalacións e grandes infraestruturas. Así mesmo, explícase o desenvolvemento do proxecto político e social a través da participación cidadá en asembleas e sociedades.
Para rematar a súa intervención o alcalde sinalou que se trata dunha homenaxe a un pobo culto, esforzado e orgulloso do seu pasado e ilusionado polo seu porvir. «Homes e mulleres que seguen tendo confianza no traballo conxunto para decidir o noso presente», concluíu.











