O Goberno local da Coruña renovará o firme da rúa traseira de Enrique Mariñas
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Infraestruturas que dirixe Martín Fernández Prado, informa da próxima renovación do firme na rúa traseira de Enrique Mariñas, no barrio de Matogrande.
A pesar de atoparse nunha zona de recente urbanización, esta vía presenta un estado moi deteriorado debido, en gran medida, á elevada cantidade de tráfico diario que soporta, especialmente de vehículos de reparto. Por este motivo, o Goberno local, dentro da súa aposta polo mantemento dos barrios da cidade, acometerá a renovación de pavimento deste viario.
Cun prazo de execución dun mes e un orzamento de 43.387,49 euros, os traballos consistirán no reforzo do firme deteriorado cunha capa de 5 centímetros de espesor e fresado de firme e reposición da capa de rodaxe de 5 centímetros nas zonas máis deterioradas. Ademais poranse a cota as tapas de rexistro de pozos, arquetas e sumidoiros. No último tramo do viario renovarase a rede de sumidoiros que se atopa en estado deficitario.
Con este conxunto de actuacións, o Concello pretende conseguir que o viario recupere o seu estado orixinal e estea en perfectas condicións para os usuarios habituais desta rúa.











