O goberno de Rey Varela logra o apoio maioritario do pleno para a aprobación inicial dos orzamentos de 2015
O Pleno de Ferrol aprobou hoxe por maioría –cos votos favorables de Partido Popular (PP) e Independentes por Ferrol (IF)- o Presuposto Municipal de 2015, o cuarto documento económico do presente cuadrienio en que o executivo local conseguiu sacar adiante exercicio por exercicio o correspondente orzamento xeral. “A elaboración e aprobación dos presupostos do Concello pasaron de ser un problema, por tratarse dun debate que até o presente mandato era excepcional, a ser unha cuestión de normalidade no funcionamento económico desta casa”, sinalou o concelleiro responsable da Área de Economía, Facenda, Patrimonio e Recursos Humanos, Alejandro Langrty Caínzos. Así, o edil ferrolá, que foi o encargado de defender o documento económico elaborado polo grupo de goberno, destacou do mesmo que responde ás premisas de continuar co “equilibrio orzamentario –non gastar o que non ten e pagar o que se adebeda- a optimización do gasto e a eficiencia”., e engadiu que a nova proposta económica para o vindeiro ano mantén os criterios de actuación do actual executivo no plano económica: “rigor, seriedade e garantir a solvencia económica da Administración municipal”, dixo.
O montante global das contas municipais para 2015 alcanza os 53,9 millóns de euros, o que supón un lixeiro incremento do 0,28% con respecto aos presupostos deste ano aínda en vigor. A conxelación, un exercicio máis, dos impostos, incluído o IBI -“cuxo recibo en 2015 será da mesma contía que en 2014 e 2014”, asegurou Langtry Caínzos-; a redución de taxas relacionadas co comercio, a hostalería e a construción; e o incremento das bonificacións para a rehabilitación nos cascos históricos son algúns dos aspectos que destacou o titular de Economía do novo texto contable. Así mesmo, o concelleiro fixo fincapé na diminución da débeda das arcas locais, que se ben no mandato pasado se incrementou de 22 a 30 millóns de euros (período 2007-2011), ao remate deste cuadrienio baixará 5 millóns de euros até quedar en 25 millóns de euros. E, ademais, tamén destacou o descenso no período medio de pago de facturas dos 164 días a xaneiro de 2012 a 54 días segundo o informe de Tesourería correspondente co último trimestre de 2014. “Enterramos a práctica de gardar facturas nos caixóns e de facer pedidos para que os paguen outros”, declarou Langtry Caínzos en referencia aos 12 millóns de euros en facturas pendentes de pago que herdou o actual executivo e que ás que fixo fronte nos dous primeiros anos de mandato coa aplicación dun plan de pago a provedores.
Benestar e capítulo de investimentos
No que atinxe ás partidas económicas para as distintas áreas de Goberno, o titular de Economía insistiu en dúas realidades que se recollen no presuposto de 2015. A primeira que a área de Benestar é a que máis se incrementa en relación ao presente exercicio –400.000 euros que significan case un 9%-; e a segunda, a presenza no capítulo de investimentos de actuacións para seguir desenvolvendo o proxecto de cidade Ferrol 2020: rehabilitación dos xardíns de San Francisco e dos baixos da Costa de Mella, recuperación do Cantón de Molíns, a continuación da reurbanización da rúa Alegre ou a finalización das obras do Centro Cívico, para Persoas Maiores e a Infancia de Canido.
En relación a área de Benestar, Langtry Caínzos salientou o investimentos en programas para atención aos maiores e dependencia (2,6 millóns de euros), accesibilidade (200.000 euros), Plan de intervención sociocomunitario de Recimil (400.000 euros), Becas comedor e axudas á escolarización (300.000 euros), ampliación das becas para escolas infantís ou mantemento dos convenios nominativos con máis de 40 entidades sociais da cidade, cun significativo incremento nalgúns casos como ASPANEPS (que sube de 20.000 a 40.000) e a firma de novos acordos con ASPACE, Dignidad ou Arraigo.
FIMO e Relación de Postos de Traballo
A sesión plenaria de carácter extraordinario celebrada esta mañá tamén aprobou cos votos afirmativos de PP e IF, a abstención de PSOE e BNG e o único voto en contra de EU, o cambio de destino de dúas partidas recollidas no orzamento de 2014 “co fin de facer fronte á situación de FIMO e impedir que os terreos deste recinto pasen a mans privadas”, explicou o edil Langtry Caínzos. Así as cousas, o Pleno do Concello de Ferrol aprobou habilitar unha partida de crédito por valor de 620.000 euros, procedente da reserva de diñeiro feita para a ampliación de capital de FIMO –paralizada debido ao proceso de disolución en que se encontra a Cámara de Comercio, socio maioritario- e para subvencións a este recinto. “Non somos responsables da situación de hipoteca que ten FIMO dende o ano 2009, pero si que asumimos a obrigación de facer todo o que estea nas nosas mans para solucionar a situación””.
E, por último, o Pleno aprobou co apoio de PP e IF a modificación da Relación de Postos de Traballo (TPT) do Concello de Ferrol para o próximo exercicio. Os principais cambios consisten na eliminación dos dous condutores de Alcaldía e a creación de prazas para a apertura da Oficina de Atención ao Inquilino de Recimil, a creación de novos postos de cabo e bombeiro condutor no corpo de bombeiros, a creación da Xefatura da Oficina Técnica de Urbanismo e da dirección de Seguridade. Así mesmo, a nova RPT prevé a apertura dun proceso de promoción interna, cuestión que estaba pendente dende hai varios mandatos.











