O goberno de Nigrán levará ao pleno de novembro o orzamento para 2015
O goberno municipal levará ao pleno deste mes a proposta de orzamento para 2015, tras resultar ditaminada favorablemente na comisión especial de contas celebrada onte, “unhas contas que reflicten unha situación económico-financeira positiva, e que para o próximo exercicio ascenden aos 12,3 millóns de euros”, apunta o alcalde, Alberto Valverde.
O documento elaborado polo goberno municipal mantén o espírito da proposta preparada para o presente exercicio, e que foi tombada polos grupos da oposición. “Incrementar as partidas de emprego, gasto social e educación, así como a apertura de liñas de subvencións a entidades culturais, deportivas e veciñais, e o mantemento do gasto na promoción turística como un dos motores económicos do municipio, son os alicerces desta proposta, coa que queremos dar resposta ás necesidades reais e actuais de Nigrán e dos seus veciños”, sinala Valverde.
Emprego, gasto social e educación
A partida que experimenta un maior incremento é a de emprego, cunha previsión de gasto de 80.000 euros, dos cales o goberno municipal destinará 70.000 á creación do primeiro plan de bolsas laborais para mozos titulados a nivel municipal, con sete bolsas para veciños de Nigrán, “que poderán introducirse no mercado laboral realizando prácticas nas propias dependencias municipais”, explica Valverde.
A este sete bolsas para mozos recentemente titulados hai que engadir os 25.000 euros de crédito destinados a dúas bolsas de seis meses para a oficina de turismo, e os máis de 50.000 euros para a contratación de oito prazas de auxiliares de policía durante seis meses.
Servizos sociais e educación son dúas áreas que tamén rexistran considerables subidas. No que a gasto social refírese, a cifra supera os 200.000 euros, destacando os epígrafes de emerxencia social, asistencia domiciliaria e outros gastos diversos en servizos sociais. No capítulo de educación, o goberno prevé un gasto de 55.600 euros, que empregará para reforzar a conservación e mantemento das infraestruturas escolares, así como para as axudas destinadas á adquisición de libros escolares para infantil.
Liñas de subvencións a colectivos culturais, deportivos e veciñais
A proposta do equipo de goberno inclúe tamén dúas partidas por valor de 25.000 euros para subvencións a actividades dirixidas a promover e difundir a cultura e o deporte en réxime de concorrencia competitiva, así como unha liña de subvencións a colectivos veciñais de 10.000 euros.
Investimento
O capítulo de investimentos con recursos propios ascenderá en 2015 aos 518.714,38 euros, un 100% máis que a previsión de gasto contemplada na proposta de orzamento para este exercicio. Entre estas destacan diversas obras de reposición e mantemento das vías públicas, a adquisición de terreos para o acceso ao momento limpo ou os 100.000 euros contemplados no convenio plurianual subscrito con Augas de Galicia para completar e mellorar a rede de saneamento e abastecemento do termo municipal.
A esta cifra hai que engadir outros investimentos financiados por outras administracións, e por tanto, non contempladas no orzamento, como a achega de 580.000 euros correspondentes ao convenio plurianual con Augas de Galicia para o abastecemento de auga a Parada, e os 828.831 euros comprometidos pola Xunta de Galicia no orzamento autonómico de 2015, que se destinarán a levar a auga á parroquia de Camos, que se atopa xa en periodo de exposición pública, “dando así solución nun só mandato a dúas demandas históricas do municipio” lembra Valverde.
Doutra banda, o goberno municipal avanza outras das actuacións cuxa realización priorizará a conta do remanente de tesouraría do exercicio 2014, como as obras de saneamento na Rúa Mestra Emérita E PO-552, en Priegue, e en Chandebrito, ou a adquisición do terreo para unha nave almacén municipal no parque empresarial Porto do Molle.
Facilidades para o pago de débedas
Por último, o rexedor subliña as facilidades para o pago de débedas reflectidas nas bases de execución do orzamento, “que inclúen como novidade a posibilidade de que veciños en situación de insolvencia ou con falta de recursos poidan abonar de forma fraccionada as débedas de impostos contraídas coa administración local de até 3.000 euros sen necesidade de acreditación formal da devandita situación”, conclúe Valverde.
Reasignación de fondos procedentes do SAU-9
Outro dos puntos que se debaterán na sesión plenaria do próximo xoves á proposta da Alcaldía será a reasignación de fondos afectados polo aproveitamento urbanístico do SAU-9 en Porto do Molle por valor de 338.938 euros, procedentes dos sobrantes da construción do novo edificio do concello, da urbanización de San Roque e da actuación para mellorar a seguridade viaria e peonil na Rúa Porto do Molle.
As propostas do goberno son o asfaltado e construción dunha senda peonil entre o parque empresarial desde a Rúa Porto do Molle e a Praza da Carrasca por valor de 105.000 euros; unha actuación de mellora de pluviais en A Laxe e a continuación da senda peonil na Rúa Porto do Molle, cun investimento de 21.000 euros; e o soterramento do tendido e liñas eléctricas en San Roque (185.000 euros) e Praza da Carrasca (27.938 euros).











