publicidade hoxe

O goberno de Neda presenta uns orzamentos marcadamente sociais e realistas para o 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O goberno municipal que dirixe Ignacio Cabezón presentou os Orzamentos Municipais para o 2015 esta mañá en comisión extraordinaria informativa de Facenda. A edil de área, Montse Rico, destacou a importancia do documento, que traza as liñas mestras da actuación municipal para o próximo ano. Un orzamento novo, despóis de que neste 2014 se prorrogase o do 2013, por 3.587.791,76 euros. Con prioridade absoluta para o gasto social, realista, austero e cunha absoluta contención do gasto. Así definiu a concelleira as contas. Así mesmo, o alcalde engadiu que os investimentos están garantizados grazas á colaboración e apoio da Xunta de Galicia, que aportará preto dun millón de euros aos principais proxectos que levará a cabo o Concello no 2015.

E é que o escaso marxe de manobra que permite o orzamento municipal levou ao alcalde a realizar cantas xestións estivo da súa man para buscar financiación doutras administracións e poder así materializar compromisos establecidos coa veciñanza como a posta en marcha da primeira escola municipal infantil. Este servizo habilitaráse na antiga escola unitaria do Empedrón e recibirá un investimento da Xunta de 180.000 euros para o acondicionamento das instalacións. Así mesmo, Neda poderá duplicar a capacidade da súa estación depuradora cunha achega superior ao medio millón de euros procedente da Consellería de Medio Ambiente. A futura construcción dos pantaláns no Puntal ou a ampliación da casa consistorial mediante a adquisición do edificio de Abanca anexo son outros proxectos estratéxicos que o Concello prevé realizar con aportacións doutras administracións.

A todas elas, habería que sumar os fondos procedentes de programas provinciais como o Plan de Obras e Servizos ou o DTC94, cos que se financiarán diferentes actuacións. Así as cousas, a concelleira Montse Rico destacou os esforzos do Concello para dar prioridade absoluta ao gasto social. Así, o documento reserva unha partida de 459.466,46 euros a este capítulo. Os servizos de asistencia a domicilio, subvencións de integración social, axudas a entidades de carácter social, programas de saúde e calidade da vida e apoio ao colectivo de maiores son algún dos servizos que se financiarán con eses fondos. Ademáis, a edil tamén destacou o esforzo do Concello por amortizar débeda: ata 172.931,49 os euros previstos neste 2015. Tras o seu paso por comisión informativa, na que o documento saíu adiante co apoio do grupo de goberno, o executivo levará a pleno as contas o día 20 de novembro. Coa intención, engadiu Montse Rico, de que entren en vigor o 1 de xaneiro de 2015.

13 de novembro de 2014 | 13:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.