publicidade hoxe

O goberno de Neda plantexa en pleno a conxelación das taxas municipais no 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O alcalde de Neda, Ignacio Cabezón Lorenzo, anunciou que o goberno local que dirixe levará esta tarde á sesión plenaria extraordinaria a conxelación das taxas municipais para o ano 2015. Unha medida posible ante a situación de estabilidade presupuestaria que hoxe define ao Concello. Con ela, o rexidor quere evitar aumentar a presión fiscal sobre a veciñanza con subidas nos recibos dos tributos municipais en tempos de dificultades económicas.

Na mesma sesión plenaria, o goberno local tamén planteará a aprobación dos orzamentos municipais para o 2015 e os proxectos que o Concello presentará á convocatoria do POS que promove a Deputación provincial da Coruña. En canto aos orzamentos, que ascenden a 3.587.791,76 euros, o rexidor destacou que as contas blindan o gasto social e a atención ás persoas. Así, a partida destinada a esta área aproxímase ao medio millón de euros, que permitirán financiar programas como a axuda a domicilio, os programas de emerxencia social, o banco de alimentos, becas ao estudo para familias con escasos recursos, colaboracións con entidades de carácter social, programas de saúde e calidade da vida do colectivo da Terceira Idade…

Doutra banda, o documento económico mantén invariable o gasto no capítulo de Persoal, tamén un dos máis elevados aínda a pesares de que Neda conta cunha plantilla reducida. Outras partidas como a destinada a limpeza viaria e o acondicionamento de parques e xardíns vense reforzadas. Así mesmo, Ignacio Cabezón sinalou que o escaso marxe de maniobra levou ao goberno local a intensificar as xestións con outras administracións (provincial, galega e estatal) para garantizar os investimentos. E así será, xa que Neda recibirá preto dun millón de euros para financiar proxectos estratéxicos como a ampliación da estación depuradora que financiará a Consellería de Medio Ambiente. Neste contexto, o alcalde valoraba moi positivamente o paso dado esta mañá polo Goberno galego para materializar este compromiso, despois de que o Consello da Xunta dése luz verde ao proxecto e á súa financiación por valor superior ao medio millón de euros.

Tamén a Xunta, a través da Consellería de Benestar, aportará a partida que permitirá contar en Neda coa primeira escola municipal infantil. Este servizo habilitaráse na antiga escola unitaria do Empedrón e recibirá un investimento de 180.000 euros para o acondicionamento das instalacións. A futura construcción dos pantaláns no Puntal ou a ampliación da casa consistorial mediante a adquisición do edificio de Abanca anexo son outros proxectos estratéxicos que o Concello prevé realizar con aportacións doutras administracións. A todas elas, habería que sumar os fondos procedentes de programas provinciais como o Plan de Obras e Servizos ou o DTC94, cos que se financiarán diferentes actuacións.

Precisamente, o goberno municipal levará tamén a pleno a aprobación dos proxectos que presentará ao POS da Deputación. Así, a intención do executivo é destinar 82.844,85 euros (máis unha aportación duns 5.000 euros por parte do Concello) a financiar diferentes obras de mellora da rede viaria, á ampliación e mellora da rede de abastecemento de auga e tamén da rede de alumbrado público. Os 55.290 euros restantes que contemplarían a axuda total destinaríanse a gasto corrente.

21 de novembro de 2014 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.