O goberno de Ferrol incorpora as achegas do grupo socialista relativas a Recimil e Aspaneps ao orzamento de 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O concelleiro de Economía e Facenda do Concello de Ferrol, Alejandro Langtry Caínzos, levou esta mañá a comisión ordinaria da Área a proposta orzamentaria para o exercicio 2015 despois de entregar o documento aos diferentes grupos municipais a pasada semana. O obxectivo era que os grupos municipais presentaran propostas ao documento.

O edil de Economía agradeceu a participación no debate ao grupo socialista que foi o único que manifestou as súas propostas. Ao respecto, Alejandro Langtry avanzou que o goberno municipal incorporará ao orzamento de 2015 as melloras do PSOE en relación a tres asuntos: o Plan de intervención socio – comunitario de Recimil –que sube 20.000 euros pasando de 50.000 a 70.000 euros-; a rehabilitación de vivendas neste mesmo barrio –que sube 200.000 euros até chegar aos 300.000- e o convenio nominativo con ASPANEPS –que case se duplica ao subir de 25.000 a 40.000 euros-. O responsable das políticas económicas do Concello de Ferrol explicou que estas subidas se afrontarán mediante reaxustes orzamentarios que non implican a diminución de cantidades nin no capítulo de investimentos nin na Área de Benestar Social.

“O PSOE presentou unha batería de propostas por valor de varios millóns de euros e todas elas non eran asumibles debido ás restricións económicas por todos coñecidas, a decisión deste goberno de non subir os impostos e non recorrer a endebedamento”, indicou o titular de Economía. “Pero decidimos aceptar as suxestións do grupos socialistas por estar en sintonía co marcado carácter social que un ano máis teñen os orzamentos e, ademais, fan referencia a programas xa incluídos na nosa proposta inicial que agora se vén mellorados”, engadiu. Así mesmo, Langtry Caínzos lamentou que ningún outro grupo da oposición participara no debate sobre o contido do documento económico e anunciou que se mantén a previsión do executivo local de someter a votación plenaria o orzamento de 2015 antes de que remate o vindeiro mes de novembro.

Langtry Caínzos lembrou os eixos clave dos Presupostos Xerais do Concello de Ferrol para o ano 2015 que ascenden a un montante global de 53,9 millóns de euros, cun incremento do 0,28% en relación coas contas do exercicio actual. Entre as principais cifras, destacan os 5,8 millóns de euros de fondos propios e sen necesidade de recorrer a endebedamento para garantir o desenvolvemento das inversións previstas no proxecto de cidade “Ferrol2020”. Algunhas das actuacións recollidas no capítulo de investimentos son a recuperación do Cantón de Molíns, a rehabilitación dos xardíns de San Francisco e dos baixos da Costa de Mella, a reurbanización de diferentes rúas (Igrexa, Basanta, Maiola, Alegre…) ou a continuación da mellora do Parque Municipal Raíña Sofía e o remate das obras do Centro Cívico, para Persoas Maiores e a Infancia de Canido.

O maior crecemento da partida de Benestar

Así mesmo, e seguindo a senda dos últimos tres anos, as contas anuais do vindeiro exercicio serán as de maior inversión social da historia de Ferrol cunha reserva de 6,38 millóns de euros para a Área de Benestar Social -5,1 de investimento en programas e políticas sociais e o resto para gastos de persoal-. Esta cifra supón un incremento de 400.000 euros con respecto ao orzamento vixente e duplica o que se destinou a Benestar Social no último presuposto do mandato pasado. E, por último, o concelleiro ferrolán comparou o investimento nas Áreas de Goberno en 2015 respecto do exercicio do 2014, indicando que se incrementaron todas elas agás Economía ao reducirse os gastos destinados ao pago de intereses pola débeda.

DETALLE COMPARATIVO DAS GRANDES ÁREAS RESPECTO DO EXERCICIO ANTERIOR

ÁREAS

2014

2015

Diferencia

Área de Alcaldía, Participación,
Novas Tecnoloxías e Emprego

2.182.900,11

2.341.000,00

158.099,89

Área de Economía, Facenda e Recursos Humanos

23.687.744,31

22.865.843,11

-821.901,20

Área de Medio Ambiente,
Urbanismo, Servizos e Seguridade

18.301.156,36

18.490.534,29

189.377,93

Área de Benestar Social,
Igualdade e Xuventude

4.735.013,00

5.159.700,00

424.687,00

Área de Cultura, Universidade,
Educación, Deportes e Turismo

4.892.796,68

5.093.233,64

200.436,96

 

53.799.610,46

53.950.311,04

150.700,58

18 de novembro de 2014 | 13:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.