O goberno de Ferrol anuncia a apertura do novo comedor escolar do Ceip Ponzos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, deu conta na comisión informativa da área celebrada esta mañá da apertura dun prazo extrarordinario de solicitude para as becas de novo comedor escolar do CEIP Ponzos. Este novo equipamento abrirá o vindeiro día 1 de decembro, e con el son xa 9 os centros de educación primaria e infantil do municipio que dispoñen deste servizo.

O prazo de presentación de solicitudes para as becas de comedor escolar durante o presente curso académico no centro de Ponzos estará aberto entre os días 13 e 26 de novembro (ámbolos dous incluídos). A posta a disposición da comunidade educativa do CEIP de Ponzos deste novo servizo foi posible grazas á colaboración entre a Concellería de Educación do Concello de Ferrol e a Xunta de Galicia. “Mellorar os nosos centros educativos, con novos servizos como é neste caso cun novo comedor é investir en futuro”, subliñou a titular de Benestar Social. Así as cousas, na actualidade e coa incorporación do colexio de Ponzos, Ferrol conta con servizo de comedor escolar en nove centros de ensino do municipio

En relación a este programa de becas a edil Rosa Martínez insistiu que estas bolsas, xunto coas de axuda á escolarización, están dirixidas a todos os nenos e nenas matriculados en centros educativos de Ferrol, con independencia de que cursen estudos en centros públicos ou concertados xa que se trata de axudas directas ás familias e non aos centros. Así mesmo, o Goberno Municipal mantén a eliminación do teito de gasto para a concesión destas achegas municipal co que garante que non exista lista de espera. Segundo os datos provisionais de achegas outorgadas para o curso escolar 2014-2015 por parte da Área de Benestar Social, a día de hoxe un total de 355 nenos/as almorzan e comen nos centros educativos de Ferrol como beneficiarios das bolsas de comedor escolar -221 están matriculados en centros públicos e 134 en centros concertados-; e ademais, outros 721 menores recibiron neste principio de curso escolar axudas á escolarización -458 cursan estudos en centros públicos e 263 están en centros concertados-.

6 de novembro de 2014 | 20:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.