O goberno de Fene censura que a oposición retrase o convenio para poñer en marcha o punto limpo
O alcalde, Gumersindo Galego, planteará á Mancomunidade unha proposta que permita sacar adiante o convenio de colaboración entre este ente supramunicipal e os concellos de Ares, Cabanas, Mugardos e o propio municipio de Fene para a xestión compartida do punto limpo ubicado en Vilar do Colo. Unha proposta que se fai necesaria despois de que os grupos da oposición votasen en contra do citado convenio unha vez máis. Nesta ocasión, despois de que o equipo de goberno fenés acompañase a proposta dun informe solicitado á Deputación provincial da Coruña para que se pronunciase sobre a medida. Aínda así, a oposición volveu votar en contra dun convenio que sí aprobaron sen problema os concellos de Cabanas (PP), Ares (PSOE) e Mugardos (BNG-IU).
O obxectivo primeiro e último do rexidor é permitir a posta en marcha deste servizo en beneficio dos veciños e veciñas. E, con esa intención, o alcalde sinala que presentará xa esa proposta o próximo luns, 10 de novembro, cando se reúna a Mancomunidade.
Na súa opinión, esa alternativa permitiría desatascar a situación e, unha vez sexa efectiva a delegación do servizo na Mancomunidade, esta poderá solicitar os informes preceptivos ao Ministerio de Facenda nos que se constate que mancomunando o punto limpo se logre un servizo máis eficiente e barato para as arcas municipais. En definitiva, o que sempre se buscou.











