O goberno da Laracha propón destinar os fondos do POS á mellora da rede viaria
O goberno local da Laracha presentou hoxe en Comisión Informativa a proposta para destinar os fondos da anualidade 2015 do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) que promove a Deputación da Coruña.
Con cargo a este programa o Concello da Laracha percibirá, en total, 348.520,35 euros, dos cales o sesenta por cento máis a achega municipal (que ascende a 14.344,78 euros) serían asignados a investimentos en infraestruturas. Por tanto, a pretensión do grupo de goberno local é destinar 223.456,99 euros ao financiamento de proxectos dirixidos á mellora da rede viaria municipal.
En concreto, as actuacións que se pretenden acometer son a renovación e mellora do firme en varias vías na parroquia de Cabovilaño (A Braña-Cardois-A Cacharra, A Braña-As Abeleiras, Xeriz-cruce de Nogán, A Teixoeira-Vista Alegre) e nos accesos e núcleos de A Fontenla (parroquia de Erboedo), Barbacán (Coiro), O Retorno (Lendo), Trixezo (Soandres), O Seixoso e A Abeleira (Soutullo), Estramil (Torás), A Balsa, O Pazo, O Pereiro, Fornelos e Vilanova (Vilaño) e Cumiáns, O Raño, A Cerdeira, A Penela, O Viso, O Penedo e A Carballa Redonda (Montemaior).
Por tanto, beneficiaríanse vinte e seis núcleos rurais situados en nove parroquias das actuacións proxectadas e propostas polo goberno local para ser financiadas con cargo ao POS 2015.
O corenta por cento restante da achega municipal (139.408,14 euros), que é a cifra máxima permitida, reservaríase para gasto corrente. En anualidades precedentes tamén se chegara a este mesmo acordo co propósito de evitar as complexas tramitacións administrativas que se requiren na xustificación das actuacións de investimento realizadas con cargo ao POS.
Esta cuestión será elevada ao Pleno ordinario correspondente ao mes de novembro que se vai celebrar o mércores da próxima semana.











