O Goberno da Coruña amplía os camiños escolares a outros tres colexios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A concelleira de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público, Begoña Freire, destacou o éxito dos camiños escolares, un proxecto pioneiro que puxo en marcha este equipo de goberno o ano pasado co colexio Concepción Arenal e ao que se suman tres novos centros educativos de Infantil e Primaria (Sagrada Familia, San Francisco Javier e Wenceslao Fernández Flórez) e 16 rutas.

En total, ao redor de 300 nenos e nenas xa se desprazan desde a súa casa ao colexio polas 25 rutas que están habilitadas. O Concello, coa colaboración de STOP Accidentes en Galicia, xa traballa con outros colexios da cidade para impulsar esta iniciativa que facilita ao alumnado moverse con máis seguridade e sempre acompañado por persoas adultas.

Acompañada da delegada de STOP Accidentes en Galicia, Jeanne Picard, e de directores e representantes das asociacións de pais e nais de alumnos dos centros educativos que xa participan nesta iniciativa, a concelleira de Mobilidade destacou que o proxecto de camiño escolar Ancas, agora quero ir camiñando ao cole é unha experiencia pioneira en A Coruña que nace do consenso con toda a comunidade educativa dos centros -dirección, asociacións de pais e nais, e alumnos- e con STOP Accidentes para facer da Coruña unha cidade máis saudable, segura e, en definitiva, con máis calidade de vida. Begoña Freire lembrou que nas rutas escolares, onde a área de Mobilidade traballa de maneira coordinada coa Concellaría de Educación, participan alumnos de entre 8 e 12 anos -son nenos de segundo e terceiro ciclo de Primaria-, un proxecto que está a cumprir os obxectivos marcados inicialmente:

– Incrementar o número de menores que acoden a diario camiñando ao colexio desde as súas casas. Desta maneira, foméntanse modos de desprazamento máis sustentables tanto para os nenos como para os adultos.

– Favorecer que os nenos acudan en compañía de amigos e compañeiros; ademais de identificar os problemas de seguridade viaria na contorna dos colexios e analizalos para dar respostas.

– Implicar a pais, nais e outros familiares no proxecto para garantir maiores cotas de autonomía infantil e un cambio nos hábitos de mobilidade, de forma que se utilice menos o coche, non só para os desprazamentos ao colexio, senón tamén para outros desprazamentos de curta distancia.

– Impulsar que os alumnos recuperen o uso e goce do espazo público. Non son só rutas para ir ao colexio, senón que fomentan o sentimento de pertenza a un barrio. Desta maneira, xéranse hábitos máis sustentables e sensibilízase no respecto, a convivencia e a seguridade viaria.

As rutas escolares empezaron a funcionar en maio de 2013 no CEIP Concepción Arenal e, neste curso, puxéronse en marcha noutros tres colexios de Infantil e Primaria: Sagrada Familia, San Francisco Javier e Wenceslao Fernández Flórez, polo que A Coruña xa conta cunha rede de camiños escolares. En total, xa participan uns 300 alumnos, que se desprazan desde as súas casas aos colexios polas 25 rutas e os preto de 15 quilómetros que xa están en funcionamento:

– CEIP Concepción Arenal. Empezou a funcionar durante o pasado curso escolar, en maio de 2013. Conta con 9 rutas distribuídas desde o final da Gaiteira, avenida de Os Mallos, final de Juan Flórez e parte da Sardiñeira. Conflúen na zona de Catro Camiños. Dispón duns 80 distintivos verdes con forma de ra no pavimento e a lonxitude total das rutas é duns 3.700 metros. Este colexio foi o pioneiro e unha das súas rutas transcorre polo paso inferior de Alfonso Molina que se acondicionará en breve.

– CEIP Sagrada Familia. Desde este curso conta con 6 rutas que transcorren por parte da rúa Barcelona, O Ventorrillo, rolda de Outeiro, Sagrada Familia e chegan á zona da Sardiñeira. Conta cuns 40 distintivos en chan e as súas rutas miden uns 3.000 metros.

– CEIP San Francisco Javier. Conta con outras 6 rutas que atenden á rúa da Mercé, a zona da Cubela, e chegan até Antonio Noite López rodeando o parque de Oza. Dispón dunhas 37 sinais en chan e mide uns 3.800 metros.

– CEIP Wenceslao Fernández Flórez. Dispón de 4 rutas, que suman outros 3.900 metros ao longo da avenida de Joaquín Planells e tamén transcorren pola rúa Anxo Senra desde a avenida de Os Mallos, por parte da Sardiñeira e da avenida de Arteixo. Conta con 63 elementos termoplásticos en chan para sinalar as rutas

A responsable municipal de Mobilidade agradeceu a implicación de toda a comunidade educativa neste proxecto e tamén aos comercios que se atopan nas rutas e accederon a dispor o distintivo no seu escaparate que os identifica como punto de refuxio.

Na actualidade, nestas 25 rutas postas en marcha nos catro colexios participantes -unha cifra que se ampliará dado que xa se está traballando con outros 6 colexios (o CEIP Ramón da Sagra, Juan Fernández Latorre, Anxo da Garda, Montel Touzet, Curros Enríquez e o colexio Dominicos-, colaboran preto de 50 monitores / familiares voluntarios que serven como referencia á hora de realizar os desprazamentos a pé en grupos.

Nesta liña de colaboración, Begoña Freire puxo espacial énfase no apoio mostrado no último Consello Escolar para a implantación das novas rutas escolares e traballar para que se amplíe a outros centros educativos. Neste sentido, a concelleira de Mobilidade avanzou que xa se están desenvolvendo actividades previas para a implantación en varios colexios próximos aos que xa se desenvolve, pero tamén con outros na Cidade Vella e Monte Alto. A concelleira tamén indicou que, aínda que se está traballando cunha planificación establecida, o Plan de Camiños Escolares está aberto a calquera colexio cuxos responsables mostren especial implicación e sensibilidade.

PLANIFICACION E ACTIVIDADES PREVIAS

A concelleira de Mobilidade lembrou que esta iniciativa que se organiza na Coruña ten como singularidade, a diferenza das que se puideron implantar noutras cidades, que conta cun intenso traballo previo de elaboración, cun gran número de actividades e fases de planificación que permiten sensibilizar á comunidade educativa -e en especial a nenos e nenas- da importancia de organizar, crear e utilizar rutas para que os alumnos se despracen a pé ao colexio:

1.Talleres de sensibilización e elaboración das rutas.

– Seguridade viaria baseada en valores e comportamentos na mobilidade.

– Mobilidade sustentable, analizando a problemática da contaminación e a necesidade de utilizar medios máis sustentables.

– Realización de enquisas de mobilidade. Dos datos extraídos, establécense os percorridos, supervísase a seguridade do itinerario, e detéctanse posibles puntos inseguros. Estas rutas preséntanse á comunidade educativa do colexio, debátense e axustan até chegar ao deseño final.

– Reformulo do percorrido, avaliación de cada punto no que se colocarán os distintivos que marcan as rutas, elaboración de planos, información aos comercios do camiño, colocación e comprobación dos distintivos no pavimento.

2.Taller de chapas. De forma lúdica, trabállase na mobilidade sustentable e segura na cidade, realizando unha chapa personalizada para que se identifique co programa.

3.Campaña de Multa Condutor hai que ser solidario. Detectados problemas nas rutas organízase esta campaña onde nenos e nenas participan ao longo do seu percorrido escolar colocando multas solidarias a vehículos mal estacionados e que obstaculizan a seguridade do seu percorrido. Con esta estratexia búscase sensibilizar a persoas do seu barrio con comportamentos insolidarios e a necesidade de respectar un espazo compartido.

4.Campaña de consellos a peóns. Os alumnos participan activamente en sensibilizar á poboación da contorna do seu centro educativo sobre a importancia de adquirir bos comportamentos como peóns.

5.Concurso de cartas e debuxos Agora aconséllovos eu! Os alumnos participan de forma activa na procura do cambio, realizando un exercicio previo de reflexión en clase sobre o problema do comportamento de inseguridade viaria que lles rodea e cales son as estratexias para mellorar. Unha  vez realizado o taller de reflexión, os pequenos proceden a escoller unha persoa da súa contorna (nai, pai, irmán, avó…) para a través dun debuxo ou carta pedirlle que cambie de comportamento. Realízase un concurso para elaborar o calendario cos mellores traballos e prémiase a participación.

PLAN DE MOBILIDADE

A concelleira Begoña Freire resaltou que o proxecto de camiños escolares enmárcase dentro das iniciativas recollidas no primeiro Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) da historia da Coruña, onde se propón impulsar e consolidar esta experiencia, implementando actuacións integrais que contribúan a concienciar sobre a necesidade de fomentar e promocionar o camiño escolar como modo natural de acceso aos centros, e de forma que a iniciativa se vaia implantando progresivamente no máximo número posible de centros educativos.

“Por cada 100 nenos e nenas que participan no Plan de Camiños Escolares, temos 100 axentes da mobilidade sustentable nas nosas rúas”, destacou Freire sobre a importancia de desenvolver esta iniciativa. Como en todas as medidas contempladas no PMUS, os efectos dos camiños escolares son transversais e xeran beneficios engadidos:

-Que miles de coches non fagan ese itinerario, dado que por cada menor que se despraza en coche ao colexio xéranse polo menos dúas viaxes de ida e outros dous de volta.

-Que máis xente se anime a ir camiñando porque os seus fillos ou netos anímanlles.

-Que se potencie tamén o uso doutros modos sustentables como a bicicleta.

-Que os condutores sexan máis prudente e respectuosos.

-Sensibilízase ás demais persoas.

-Xéranse hábitos sustentables e máis eficientes.

-Axúdase tamén a identificar os principais problemas de seguridade viaria na contorna dos centros educativos.

-Favorécese a autonomía persoal e a formación.

-Faise cidade, poténciase a solidariedade, a convivencia, o respecto e o valor que os nenos e nenas achegan ás rúas, que así tamén aprenden a valorar e coidar.

O PMUS promove actividades e campañas encamiñadas a fomentar os desprazamentos a pé dentro do centro urbano. Dos 563.000 desprazamentos diarios internos -é dicir, con orixe e destino dentro do municipio-, o 12% que se realizan están motivados por estudos, rexistrándose diariamente uns 69.000 viaxes interiores nos 82 colexios localizados en A Coruña, cunha comunidade educativa formada por 3.100 profesores e 39.800 alumnos -dos cales uns 20.000 corresponden a Educación Infantil e Primaria-.

24 de novembro de 2014 | 13:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.