O Goberno coruñés retira 39 cabinas telefónicas das beirarrúas para mellorar a mobilidade peonil
O Concello da Coruña, a través da área de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público que dirixe Begoña Freire, informa da próxima retirada de 39 cabinas telefónicas da cidade –a cuarta parte das existentes que son, na actualidade, 160- o que permitirá liberar espazo na vía pública en beneficio dos peóns.
A Concellaría autorizou a retirada destas 39 cabinas que, ademais de limitar o espazo peonil presentan deterioros estéticos e funcionais. Neste sentido, un dos obxectivos da xestión levada a cabo é que permanezan nas rúas da cidade as cabinas que resulten adecuadas e satisfagan as necesidades dos cidadáns.
En concreto, retiraranse as cabinas de: rúa da Carmen, costa da Palloza, Xeneral Sanjurjo, praza de Galicia, avenida da Habana, praza de Vigo, xardíns de Méndez Núñez, Gregorio Hernández, Pepín Rivero, paseo marítimo, Pérez Ardá, Rolda de Outeiro, Panadeiras, Alfonso Molina, praza do Libro, Emilio González López, Manuel Azaña, Alfonso Rodríguez Castelao, Corralón, praza de Pontevedra, Juana de Veiga, praza de María Pita, praza de Lugo, rúa Europa, Padre Rubinos, Juan Díaz Porlier, Caraveis, avenida de Finisterre, Santa Bárbara, Salvador e Merino, Elviña e Palavea. Tanto en Mosteiro de Caaveiro como en Elviña Segunda Fase retiraranse dúas en cada unha das zonas.
A retirada destas 39 cabinas correspóndese cunha primeira fase de optimización que se prologará durante un mes a partir do luns, 10 de novembro. O Goberno local traballa xa nunha segunda fase para desmontar outro importante número de cabinas na cidade co obxectivo de eliminar os elementos que non son útiles, liberar o espazo para os cidadáns e garantir un número adecuado de cabinas que satisfaga as necesidades dos veciños.
A concelleira de Mobilidade indicou que o fomento dos desprazamentos a pé “implica accións tan diversas como retirar cabinas telefónicas, recolocar elementos ou colocar outros, de forma que o uso do espazo público sexa equilibrado. Ningún goberno municipal anterior se preocupou por xestionar estas cuestións que parecen de pouca importancia pero que o cidadán percibe cada día cando ten que sortear estes elementos”.











