O goberno coruñés impulsa unha campaña de Seguridade Viaria dirixida a persoas maiores
A concelleira de Mobilidade, Begoña Freire, acompañada por Jeanne Picard, delegada en Galicia de Stop Accidentes, María Luisa Asorena, presidenta da Asociación Provincial de Pensionistas e Xubilados – UDP A Coruña, e Rosa Otero, presidenta da Asociación Provincial de Amas de Casa, presentou esta mañá a campaña “Todos somos peóns. A túa prudencia é un bo exemplo” que o Concello organiza en colaboración con estas entidades e dirixe ás persoas maiores para concienciarlles sobre a necesidade de mellorar a súa actitude viaria e influír positivamente na dos demais.
A iniciativa contempla dous tipos de actividades. Por unha banda, a partir de mañá, realizarase unha campaña en rúa coa repartición de 5.000 dípticos informativos e brazaletes reflectores; ademais, tamén continúan as charlas informativas para maiores sendo a seguinte mañá, 18 de novembro, ás 17.30 horas, no salón de actos do Colexio de Farmacéuticos coa Asociación de Amas de Casa. “Estas accións formativas perseguen sensibilizar ás persoas maiores como sector máis vulnerable e proclive á accidentalidade; informar os problemas máis frecuentes que lles afectan na súa contorna habitual; reflectir as actitudes e comportamentos de riscos co obxectivo de promover un cambio de hábitos en materia de seguridade viaria; e xerar comportamentos seguros e condutas responsables de cara a previr riscos en accidentes, para protexer a este colectivo e contribuír á súa mobilidade e autonomía garantindo unha mellor calidade de vida”, destacou a concelleira, quen indicou que a campaña de repartición, realizada por voluntarios das entidades colaboradoras, iniciarase mañá en Juan Flórez (Hotel Hesperia con Médico Rodríguez), Catro Camiños (Ramón e Cajal con Alcalde Marchesi e Catro Camiños con Cafetaría Delicias), e Estación de Autobuses, na rúa Cabaleiros.
A concelleira de Tráfico e Mobilidade lembrou a importancia deste tipo de iniciativas xa que os peóns son os usuarios máis vulnerables e os atropelos a primeira causa de morte por accidente nas cidades españolas, supondo 4 de cada 10 vítimas mortais por accidentes de tráfico; e, nos oito primeiros meses do ano, produciuse un incremento do 21% no número de atropelos. “Ademais, un dos datos máis destacables, é que o 1% dos atropelos foi a un menor de 15 anos e un 58% a un maior de 65”, destacou a concelleira, quen lembrou algunhas das normas básicas que deben cumprir os peóns como camiñar afastados do bordo, mirar antes de cruzar e esperar a que pare o condutor, non pararse na calzada e, se circulamos por estradas, andar en sentido contrario á circulación para que nos vexan de cara.
A campaña enmárcase dentro do convenio subscrito entre o Concello e Stop Accidentes para o desenvolvemento e impulso de novas campañas de sensibilización e concienciación en materia de seguridade viaria e mobilidade sustentable. “Este proxecto ratifica o compromiso do Goberno municipal de traballar da man do tecido asociativo da cidade, desenvolvendo accións conxuntas e a súa aposta pola formación e educación da sociedade en materia de seguridade viaria e na liña marcada polo Plan de Mobilidade Urbana Sustentable”, concluíu.
Esta campaña de información realizada pola Concellaría de Mobilidade súmase á realizada, entre o 27 de outubro e o 7 de novembro, pola Policía Local para a prevención de atropelos, concienciando tanto a condutores como a peóns da necesidade de extremar as precaucións. Neste sentido, esta primeira semana de novembro, a Policía de Barrio e Unidade de Tráfico realizaron tarefas de vixilancia en pasos de peóns regulados ou non con semáforos nas principais avenidas da cidade ou rúas con maior incidencia de atropelos. En total, realizáronse controis de vixilancia e control en 33 rúas da cidade realizándose 171 denuncias (170 condutores e un peón) e 39 apercibimentos a peóns.
“O Plan de Mobilidade Urbana Sustentable da Coruña contempla a seguridade viaria como un alicerce capital, formando parte do PMUS non só como un plan específico ou eixo sectorial, senón que aborda a seguridade viaria como un elemento transversal, integrado en todos e cada un dos seus eixos sectoriais e en todas as súas propostas. Este goberno local ten moi claro que non hai mobilidade sustentable sen seguridade e para iso hai que traballar en varias frontes e sempre directamente coas persoas”, concluíu a concelleira.











